Iago Edrosa viaxará a Gran Canaria tras gañar o sorteo de Acisa Ribadeo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Acisa

Foi o agraciado nun sorteo celebrado onte á noite co que a patronal ribadense clausurou unha «exitosa» campaña de verán

01 sep 2025 . Actualizado á 22:11 h.

Iago Edrosa Fernández, de Ribadeo, resultou ser o gañador da viaxe a Gran Canaria para dúas persoas, con todo incluído e durante cinco días, que este domingo pola noite sorteou no Cantón dous Moreno o colectivo Acisa para clausurar a campaña de verán «O noso comercio é vida, vive Ribadeo».

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou o «éxito rotundo» da tempada: «Supuxo probablemente o peche da mellor tempada de verán desde hai 36 anos, os que ten de vida a nosa asociación (...) Desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos coa actividade comercial, hostaleira, hoteleira e de restauración vivida estes meses. Tivemos un verán de grandes vendas desde xuño, cando arrincaba o período estival, ata onte».

O agraciado no sorteo da viaxe tiña a papeleta número 26.760, que lle foi entregada en Galipizza. «Noraboa a Iago. Agardamos que disfrute do premio», manifestou Cruzado”.

No acto de onte, ademais de Cruzado, tamén interviñeron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén; o alcalde ribadense, Daniel Vega e o xerente de Acisa, Jesús Pérez. Na entrega do premio participaron tamén Manoli Torviso e Trindade Otero, directivas de Acisa, e as concelleiras Marta Saiz e Elena Sierra.

Ademais de facer un balance detallado dos actos da campaña, Pérez Prada recoñeceu: «Estamos moi satisfeitos co éxito desta campaña, xa que cumpriu con creces cos seus obxectivos estratéxicos: atraer máis xente a Ribadeo, reforzar a nosa imaxe como destino turístico, comercial e gastronómico, aumentar as vendas, premiar a fidelidade da clientela, que confía no comercio local —tanto visitantes como veciñanza—, reforzar a nosa imaxe como sector dinámico e competitivo, poñer en valor a proximidade e a importancia de mercar no tecido empresarial da vila e, por último, afianzarnos como referente do comercio local, do turismo de calidade e da mellor gastronomía de Galicia. O datos falan por si sos, en tan só 15 días de campaña calculamos unha inxección económica extra de máis de 2,5 millóns de euros de facturación adicional para os negocios asociados a Acisa Ribadeo, unha cifra que se suma á xa extraordinaria actividade económica do mes de agosto».

Ademais, segundo avanzaron desde Acisa, o investimento realizado nesta campaña foi duns 65.000 euros. «Esta actividade afianza a Acisa Ribadeo como unha institución indispensable na nosa localidade e como referente en toda Galicia do dinamismo económico e capacidade organizativa», explican. Lembran que estivo cofinanciada «pola Dirección Xeral de Comercio, coa colaboración do Concello de Ribadeo, o patrocinio de Discosta Norte e Estrella Galicia, e contou co apoio doutras entidades e asociacións, como Agacal, a Praza de Abastos, o Xara Fest, o Vendaval Fest, a Comisión de Festas de Ribadeo e varios clubs deportivos».

«Quixemos implicar ao máximo aos principais sectores da nosa vila —a cultura, a gastronomía, as festas, a mocidade—, co obxectivo de ser unha campaña que chegara ao maior número de persoas posible, e creemos que o conseguimos», indican.