As Catedrais: 149.172 visitantes en agosto e outra oportunidade perdida

J.A. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

J. a.

22 ago 2025 . Actualizado á 15:03 h.

A praia dAs Catedrais volveu a facelo. O mes de agosto pecharase de novo con todas as entradas esgotadas na web da Xunta, 4.812 por día, resultando un total de 149.172 en todo o mes. A estas alturas, consultando a web ascatedrais.xunta.gal xa só quedan entradas para os días 30 e 31. As Catedrais, inmune ás críticas por aglomeracións de turistas, mantén todo o seu músculo e poder de atracción. E o éxito dAs Catedrais é, un ano máis, o fracaso de Ribadeo, dun concello que recolle as migallas dos réditos que outorga As Catedrais, porque gran parte deses 150.000 visitantes non pisarían máis de Ribadeo salvo a súa praia.

O plan elaborado polo Concello en 2020 para regular o espazo contemplaba facer un grande aparcadoiro de 1.500 prazas, no que se cobraría unha tarifa que despois se podería descontar consumindo nos negocios de Ribadeo. Os terreos foron expropiados no pasado mandato. Desde entón nada máis se fixo. Este plan era moi ambicioso, para ordenar un espazo de 53 hectáreas, cunha entrada e un edificio multiusos a 500 metros do actual acceso ao areal, para protexer e valorizar o espazo. Nada se fixo. Tamén prevía demoler o actual restaurante, habilitar unha parada de Feve e outras melloras e actuacións. Que fíxose? Nada. A única medida, de hai anos tamén, foi que o Concello cobra un euro por usar os aseos, diñeiro que se destina a pagar o propio servizo que se presta.

Non se trata de sacar diñeiro dAs Catedrais. Trátase de consentila, coidala, velar por ela, prestixiala e protexela, como o lugar único que é de Galicia e de España. O caso é que, a pesar de todo, o diamante segue brillando. Costa imaxinar canto podería facelo ben xestionada. Abondaría con desenvolver o plan que se aprobou hai xa cinco anos. Pero as prioridades da Administración van por outros camiños. Hai alguén aí? E pasa outro agosto máis. Outra oportunidade perdida.