Feridos en Ribadeo os condutores dos dous vehículos que chocaron frontalmente en Couxela
RIBADEO

Os bombeiros non tiveron que intervir finalmente aínda que nun principio a súa presenza foi requirida no lugar
29 jun 2025 . Actualizado á 20:21 h.Varios minutos antes das seis da tarde deste domingo rexistrouse un accidente de circulación no quilómetro 5 da estrada LU-P-5203, en Couxela, no municipio de Ribadeo. Resultaron feridas dúas persoas, os condutores de senllos vehículos implicados nunha colisión frontal e tamén os únicos ocupantes dos mesmos, segundo confirmaron varias fontes.
Os dous foron evacuados a un centro médico, aínda que á hora de redactar esta información descoñecíase o seu prognóstico.
Non foi necesario excarcerar
Segundo informaron desde a central de emerxencias de Galicia, foi unha das particulares implicadas na colisión a que deu o aviso ao 112. Aínda que nun primeiro momento indicaba que non conseguía saír do coche polos seus propios medios, finalmente non foi necesaria a intervención dos bombeiros de Barreiros. Estes, tras recibir o aviso e cando ían de camiño ao accidente, recibiron unha chamada na que lles confirmaban que non era necesario excarcerar, segundo informaron desde o propio parque de Barreiros.
Desde o 112 informaron do sucedido a Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local. Sobre as oito da tarde os efectivos continuaban traballando no lugar do accidente.