Recollen 600 firmas e máis de 30 testemuños de alumnos e exalumnos apoiando as críticas a unha docente de Ribadeo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Pepa Losada

As familias de alumnos que denuncian irregularidades foron recibidas polo alcalde

25 jun 2025 . Actualizado á 19:23 h.

As familias de 20 alumnos do IES Dionisio Gamallo Ferros de Ribadeo que acusan a unha docente de irregularidades que afectan directamente ao dereito á educación dos alumnos e á calidade do ensino que se imparte informan de que presentaron no instituto ribadense máis de 600 firmas e máis de trinta testemuños escritos de alumnado actual e de cursos anteriores «que relatan vivencias moi semellantes ás que motivaron a nosa denuncia».

Tamén informan á opinión pública de que a reunión á que foran convocadas pola Dirección Territorial de Educación o pasado martes, ás 12.00 horas, en Ribadeo «foi inesperadamente aprazada e modificadas as súas condicións. Estaba previsto que asistisen a Directora Territorial, a inspectora educativa, o director do centro e as familias implicadas, mais onte pola mañá fomos informadas de que a xuntanza quedaba posposta para o luns que ven, 1 de xullo, en Lugo, e que só contarían coa Directora Territorial e o Xefe de Inspección, máis unha pequena representación das familias».

Opinan que este cambio de última hora «sen negociación nin explicacións razoables, supón unha evidente falta de respecto ao noso tempo, ás nosas vidas laborais e familiares, xa organizadas para poder acudir á cita prevista. Por todo isto, decidimos rexeitar a convocatoria en Lugo e ofrecémonos, con total disposición, a recibir as autoridades educativas en Ribadeo cando o consideren conveniente».

En cambio, o mesmo martes si foron recibidos polo alcalde, Dani Vega, no consistorio, «quen escoitou atentamente ás nais, pais, alumnado afectado e a un docente con máis de trinta anos de experiencia profesional. Queremos agradecerlle profundamente ó rexedor a súa boa vontade, a súa empatía e o seu compromiso de trasladar os nosos testemuños á Directora Territorial». Finalmente, agradecen o apoio de Ribadeo e outros lugares, din que seguirán recollendo firmas e testemuños e informan de que seguen nas redes, tanto en Facebook como en Instagram, a través do hashtag #quenonserepitaamesmahistoria.

Cabe lembrar que días atrás desde a Consellería de Educación manifestaron que o caso das denuncias á docente «xa foi analizado tanto a nivel do centro como por parte de Inspección Educativa sen determinar ningún acto penalizable», confiando en que as partes «poidan chegar a un acordo mutuo».