O tirón da basílica de San Martiño tradúcese en case 20.000 visitantes en só catro meses
FOZ
Desde Turismo de Foz destacan o aumento de visitas ao monumento durante o verán. «Acolle a moitos grupos», indica a edila Kathy Navarro
16 oct 2025 . Actualizado á 18:05 h.Só o mes pasado, a basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, recibiu a 3.469 visitantes. O dato non é menor, principalmente cando se trata do mellor rexistro dun mes de setembro dos últimos nove anos. Ademais de por ser un «un monumento esencial e imprescindible dentro do ricísimo patrimonio relixioso de Galicia», como o definiu recentemente Xosé Luis Barreiro Rivas nas páxinas deste diario, é unha xoia patrimonial que exhibe o seu tirón turístico, e conta desde 2018 cun centro de interpretación.
19.963 persoas visitaron a basílica nos meses de xuño (2.568), xullo (5.318), agosto (8.608) e setembro deste ano, un número global superior ao rexistrado anualmente no mesmo período desde 2017, segundo os datos proporcionados pola Concellaría de Turismo. «A basílica destaca sobre todo porque acolle moitas visitas de grupos. É moita a xente que acode de colexios, viaxes organizadas...», explica a edila de Turismo, Kathy Navarro Machado.
28.026 visitantes recibiron a oficina de turismo focense e a basílica de xuño a setembro. A nivel xeral, e non só referente ao monumento, as cifras que manexa Turismo permiten constatar que xullo e agosto seguen sendo meses fortes, aumentando neste 2025 a cifra de visitantes que pasou pola oficina de turismo de Foz en xuño —un 425% máis con respecto a 2024— e en setembro —13% máis—.
Desde comezos de xuño a finais de setembro foron 8.063 visitantes os que demandaron información na oficina, o que constata unha progresiva recuperación tras o covid. En 2024 foron 6.040 e en 2023, 4.784. Os datos revelan que 1.928 persoas pasaron pola oficina o pasado xullo —un 10,5% máis que no mesmo mes de 2024— e 2.554 en agosto —un 11,75% menos—. Aínda non se acadaron as cifras de anos anteriores á pandemia —de xuño a setembro de 2017 contabilizáronse 20.177 visitantes—, pero si se comproba un aumento progresivo de visitas nos últimos exercicios.
«Estamos moi contentos co aumento do turismo na zona e abrumados pola comparativa con respecto aos datos doutros anos; o aumento dos visitantes é moi significativo. Ao mesmo tempo traballamos para mellorar as infraestruturas para o soporte desta poboación flotante que ten moi significativamente o noso concello, un concello con particularidades propias que temos que entender, coidar, mellorar e manter. O incremento da poboación, tanto na tempada de verán como incluso motivada polo aumento da segunda residencia, e que agora se comproba que pasan tempadas fóra dos meses de xullo e agosto, son bos datos para os negocios locais. Non obstante, temos que chegar a un equilibrio na convivencia entre os residentes cos visitantes. É un reto para todos», explicou a edila.
Viaxeiros asturianos, os que máis acudiron a turismo en setembro
Ás visitas que recibe a basílica de San Martiño hai que sumar a cifra de visitantes que pasa pola oficina de turismo focense. Só no mes de setembro 1.015 demandaron información a ese centro: 1.003 en mostrador e 102 por teléfono. Destacaron os asturianos (316) e os madrileños (162 en mostrador e 134 por teléfono). Tamén os viaxeiros procedentes de Castela-León (147), vascos (86), cataláns (49), galegos (48), andaluces (31), aragoneses (22), de Valencia (17), de Castela-A Mancha (15), de Cantabria (14), de Navarra (12), dA Rioxa (7), de Estremadura (4) ou de Canarias (2).
Do total de 1.095, 1.015 foron viaxeiros nacionais e o resto, estranxeiros. Entre outros, destacaron especialmente os franceses (39), os ingleses (16) ou os alemáns (9).