00031715868966208482542

Teresa Díaz publica o seu primeiro libro aos 64 anos: «Vaime sobre todo a crítica social»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CADRADO FOZ / LA VOZ

FOZ

M. Cadrado

Laurentina de nacemento e residente en Foz, vendeu en só dous meses os cen exemplares editados

17 may 2024 . Actualizado ás 17:10 h.

Teresa Díaz Iglesias, nada en San Xurxo (Lourenzá), pero residente en Foz desde hai catro décadas, empezou a escribir durante o confinamento por mor da pandemia. Recentemente vén de publicar o seu primeiro libro titulado «Pegada á terra», una recompilación da poesía que escribiu durante aquel período. A de Teresa é unha historia de superación persoal por varios motivos; con 64 anos publica o seu primeiro poemario, soubo conciliar a escrita en redes sociais (no seu caso, no Facebook) e a edición impresa do libro, e ocupouse practicamente da totalidade do proceso: «Boteille horas e horas, pero todo foi feito por min, ninguén me correxiu nada, algunha falta leva, vai no galego do pobo que se entende perfectamente e cunha linguaxe sinxela e clara, o que son eu». Editou cen exemplares do libro, que se agotaron en só dous meses.

—Sobre que temas escribiu?

—A temática pódese agrupar en tres partes; a primeira, máis intimista, centrada en como foi a miña vida, sobre onde nacín, as alegrías e as penas... Despois paseime á defensa da lingua galega e finalmente fixen algo de crítica social, sin ser unha crítica demasiado dura e agria, ás guerras, aos sistemas que comigo non van, ás inxustizas sociais...

—En que soporte empezou a publicar as poesías?

—Publicaba as poesías primeiro no meu Facebook e veunas algunha xente do grupo de Poesía Galega e tiraron por min para que as recollera nun libro. Fun á imprenta Lar e alí mas imprimiron.

—Como lle foi coa venda do libro?

—Os que vendín foi de boca a boca, menos uns cantos que deixei na librería Anjo de Lourenzá, á cal lle dou as gracias.

—Ten pensado sacar unha segunda edición?

—Tería que pensalo moito e facer novo material, pero de momento vou tomar unha tempada para descansar. E despois, o que a vida me ofreza...

—Ten formación literaria ou é autodidacta?

—De formación non teño nada relacionado coa escritura. Eu collo un papel e escribo o que me sae de dentro. De feito, gústame máis escribir a poesía e subila ao Facebook, porque é o que sinto nese momento, que recompilala no libro porque o momento daquel sentimento xa pasou. Desa forma escribes coa intensidade que sentes no momento, bótala ao aire e aí a reciben os que a lean.

—A situación que vivimos durante o confinamento foi a que a animou a estrearse escribindo?

—Eu nunca pensei en escribir poesía. Un domingo pola tarde ocorréuseme escribir sobre a miña casa, que foi a primeira que saiu e a que Silvia Fiallega recolleu no proxecto «Amar a mar: Mariñas, marosas e maruxainas» (da Rede Museística Provincial). Esa poesía era sobre a casa, sobre o sentimento que me produciu deixar a casa baleira ao morrer meus pais. Cando ía alí sentía nostalxia. Silvia pediume que lle fixera unha para as mulleres do Val, e fíxena. Despois fun enganchando e chega un momento no que estás tan enganchada á poesía como quen se engancha a outro vicio calquera.

—Gústalle ler?

—Leo de todo. Sempre fun lectora, xa desde nena. Meu avó era un gran lector e foi o que me inculcou o gusto pola lectura. Cando eu ía coas vacas, xa escribía algo.

—E conserva aqueles textos?

—Non conservo nada. Escribía e tiraba porque daquela non lle daba valor. E cando ía coas vacas levaba sempre para ler, daquela, novelas de Corín Tellado e outros libros da miña época de xuventude. Sempre vou á biblioteca e empápome de lectura.

—Que lecturas prefire?

—Vaime sobre todo a crítica social, a temática da defensa da lingua galega... O galego haino que defender a capa e espada, pero defendelo usándoo. Hailles que falar galego nas casas aos nenos, para que nunca o olviden.

—E díxolle alguén, ‘Como te pós a escribir con 64 anos?’?

—Non, dígomo eu a min mesma (sorrí). Axudáronme Silvia e Luciano de Monfadal. El é poeta, non coma min. Eu son unha afeccionada, nin son poeta nin escritora. Esto é só unha afección. Pero Luciano foi sempre o que me dixo ‘Tira para adiante coa poesía e expresa o que sentes’, e Silvia, igual. Foron os meus promotores.

—Está satisfeita?

—Si, moito. Para min é un primeiro libro. Vou seguir escribindo, vai dentro de min.