Mario Antuña ofreceu a súa experiencia ante emerxencias en Bogotá e Cali, en Colombia, e no estado de Jalisco, en México
CERVO
Participou nun proxecto da Fundación Mapfre que formou a bombeiros dos dous países en simulacros de rescates en caso de inundacións
18 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Mario Antuña, xefe do servizo de extinción de incendios, salvamento e protección civil de Cervo, así como asesor técnico da Axencia de Emerxencias Galega, realizou nas últimas semanas unha pequena xira polo continente americano impulsada pola Fundación Mapfre e que contou con paradas en Colombia e México. Durante os case 20 días que durou o seu periplo, Antuña tivo a ocasión de participar nun congreso con bombeiros ou impartir unhas charlas sobre seguridade e prevención de riscos con nenos en situación de vulnerabilidade.
O cervense considerou «moi enriquecedora» a súa estancia en ambos os países. A primeira parada da súa viaxe foi a capital colombiana, onde participou nun taller xunto á Unidade de Rescate Subacuática de Bogotá que incluía un simulacro no que Antuña e dous bombeiros tiñan que extraer dun vehículo que caera ao mar —neste caso era un encoro— aos seus tres ocupantes. Repetiron a operación posteriormente cun boneco que simulaba un bebé, ao que tiveron que extraer da súa cadeira.
De Bogotá trasladouse a Cali, aínda en terras colombianas, para ofrecer unha conferencia no décimo Congreso Internacional de Emerxencias en América, impulsado pola Organización de Bombeiros Americanos en colaboración coa Fundación Mapfre. A mesma versou sobre as intervencións dentro de rescates de vehículos durante inundacións.
Feira sobre incendios
Tras o seu periplo por Colombia, Mario Antuña emprendeu viaxe ata México, concretamente a Guadalaxara, no estado de Jalisco. Alí asistiu, acompañado por Fernando Elvira e Ricardo Jiménez, sarxento xefe e inspector de coordinación e servizos á comunidade, respectivamente, dos bombeiros do Concello de Madrid, a Expo Fire, «a feira máis importante de loita contra incendios que hai en México», sinala Antuña. Na mesma, dentro do programa desenvolvido pola Fundación Mapfre, participaron nunha aula formativa, dirixida a nenos e adultos, sobre seguridade, evacuación e prevención de riscos. Ademais, proporcionáronlle formación ao equipo dos Bombeiros de Jalisco especializado en evacuacións. «Traballamos cunha casiña de fumes e un colector no que se poden facer experimentos con produtos químicos que hai no fogar e que comportan un risco, ademais doutros eléctricos que tamén poden provocar un incendio», explica.
Uns 200 nenos
O xefe de salvamento do Concello de Cervo traballou con case 200 nenos e nenas en situación de vulnerabilidade pertencentes a diferentes colexios, hospicios e centros infantís da cidade de Guadalaxara. «É moi especial tratar con eles e sempre aprendes cousas porque cres que a discapacidade que teñen pode ser nalgúns momentos moi limitante e ás veces dásche conta de que é xusto ao revés. Pasounos cun grupo de nenos cegos, que, loxicamente, non ven os riscos e hai que especificarllos moi ben, pero logo movíanse moi rápido dentro da casiña de fumes», desvela.
Antuña, que o ano pasado xa participou noutro proxecto da Fundación Mapfre en Panamá, lembra que esta formación ante catástrofes e emerxencias xa as reciben os escolares cervenses desde hai anos e o próximo curso terán que facelo todos os de España tras a aprobación dun plan estatal de formación para os centros educativos non universitarios, «que busca estender a cultura da prevención e garantir a adecuada formación de toda a comunidade educativa na resposta ante situacións de todo tipo de emerxencias», reza este novo plan.