
A antropóloga e arqueóloga falará este mércores en San Cibrao do significado e importancia dos cabazos na nosa cultura
05 ago 2025 . Actualizado a las 12:24 h.Cabozos. Cabazos. Hórrios. Canastros. Paneiras. Piornos. Son algúns dos nomes que reciben os hórreos no noso idioma. Tal abundancia de denominacións fala da importancia que teñen estas construcións, que se contan por milleiros, na nosa cultura. Son graneiros, almacéns, pero moito máis, expón Ana Isabel Filgueiras Rey (A Coruña, 1965). Da man da asociación Mariña Patrimonio, a arqueóloga e antropóloga falará mañá en San Cibrao (Museo Provincial do Mar, 18.30 horas) desoutra parte —a inmaterial— que obviamos, o significado e a trascendencia que tiñan e aínda poden ter na sociedade.
«Estamos moi afeitos a considerar o hórreo como algo doméstico, pero a súa construción requería un grande esforzo e tiña habitualmente unha compoñente artística», expón. O emprego de recursos de envergadura fai pensar que os cabazos non eran vistos por quenes os erguían como elementos arquitectónicos triviais.
Filgueiras defíneos como «altares do vento. O hórreo é un patrimonio cultural sacralizado: ten cruces, en ocasións rosáceas ou reloxos de sol. Desde fóra son vistos como unha capela. O feito de que estean elevados sobre piares e moitas veces construídos en altos non só responde a unha función práctica, para evitar as humidades ou os roedores, senón tamén espiritual, para que protexese os bens que se gardaban dentro. Hai esa parte simbólica de que estean máis próximos ao ceo», afonda.
Favorecer que a divinidade poidese «bendicir» os alimentos non era unha cuestión calquera. «O mundo de hoxe está bastante desespiritualizado. Pero durante milenios as persoas dependeron do que cultivaban: se despois de tanto traballo para sementar, seiturar, segar, mallar, moer ou amasar, non gardaban os bens en sitios que garantisen a súa conservación, todo o feito non servía para nada», argumenta.
Na conferencia, Filgueiras tentará explicar a relación que manteñen os hórreos co ciclo agrario do pan, pois era fundamental para preservar o cereal. Co tempo tornaron tamén en símbolos de ostentación, mesmo con escudos nobiliarios, e Castelao dicía ao respecto que non había nada máis triste que un cabozo baleiro.
A primeira presenza dun hórreo na documentación remóntase ao 1038, aínda que Filgueiras está convencida de que, con materiais de tipo perecedeiro, existiron «desde que comezou a agricultura». Paradoxicamente, sinala, mentres os cabazos son iconas de Galicia non se sabe demasiado de quenes os construíron.