O Concello forma a veciños e persoal municipal sobre o manexo do desfibrilador
25 oct 2025 . Actualizado á 00:57 h.O Concello de Burela está a levar a cabo diferentes actividades en formación de primeiros auxilios e uso do desfibrilador dirixidas a asociacións locais e ao persoal municipal co obxectivo de mellorar a resposta ante emerxencias. A iniciativa enmárcase dentro da Estratexia de Promoción da Saluz e Prevención no Sistema Nacional de Saúde.
«Nesta edición participan diversos colectivos municipais e asociacións deportivas que fan uso habitual das instalacións municipais. A iniciativa terá continuidade no tempo, co propósito de que a poboación estea o máis formada posible ante situacións de emerxencia», sinala o Concello, que agradece especialmente a colaboración de Camilo Vázquez, enfermeiro e técnico en Emerxencias Sanitarias do 061 «polas súas ensinanzas e apoio, que permiten que un número crecente de persoas en Burela estean preparadas para actuar ante unha emerxencia», apuntou a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, quen afirma que a día de hoxe, Burela «é o concello mellor cardioprotexido da Mariña».