San Andrés, a gran festa do inverno

A MARIÑA

JORGE GARCIA

22 nov 2025 . Actualizado á 18:10 h.

É discutible. Onde se confunden os camiños polo que camiñaban os peregrinos a Compostela ou a San Andrés de Teixido non cabo do mundo...  Aquí no meu porto de San Ciprián e desde o século XVII houbo unha hospedería hospitalaria da que hoxe se conserva a igrexa. Debémosllo ao presbítero Andrés Varela que do seu pecunio construíu para a súa fundación tal enclave que hai case parece esquecido, ata o punto que una damisela xustificaba ante unhas cámaras de televisión que con motivo da Maruxaina pillárona mediante cámara exonerando. E o peor é que o xustificaba, non só polo seu dereito á intimidade, tamén por considerar que tal recuncho no Porto de Abaixo era o arrabalde, sen maior importancia.

Pois non! Os hospitais que balizan o camiño á Capelada e o seu santuario forman parte das crenzas e costumes cristiás de peregrinar buscando a protección do Apóstolo, con visita, oración e colocación de ex votos que foron ata maquetas de barcos ou figuras en cera para invocar a curación das doenzas que padecían ou padecen devotos e ofrecidos.

A festa do último día en novembro caracterízase polo mal tempo, con chuvascos, frío invernal e mar arborizada polos ventos mareiros. Era naquel elegante salón Miramar onde a orquestra Variedades amenizaba a noite. Ás veces con interrupcións polos golpes ventosos sobre o fráxil tendido eléctrico, motivo para dispor sempre dun xerador que fornecese a modo de fonte enerxética a luz para os bailaríns e os membros da formación que viña desde A Vila do Landro.

As orquestras para tal data estaban bendicidas por Santa Cecilia que días antes celebraran na fermosa igrexa románica de Santa María del Campo. Píndaros, Dominantes, Picolos, Conxunto Sport, Variedades e tanto profesores como alumnos do Conservatorio de música encabezados por Don Ramón Amor e os seus fillos.

No meu porto, misa e procesión con aquela canción que entoaban as damas con veo e profunda devoción. "San Andrés, San Andresiño/ aquí estamos a devotas somos do porto de arriba/ onde cantan as gaivotas..". Despois vermú polas cantinas. Naquela tempada fría non había caixa# de primeiros auxilios. Boa comida na que comezaba a degustarse algún prematuro cocido e sen dúbida as carnes de porco procedentes da matanza realizada por María de Miranda o día de San Martiño. A flota estaba amarrada na ría. Os seus patróns acudían ao cambio da marea para comprobar os amarres. Pola mañá algunha lancha motora ía recoller as nasas. Eran tempos de lagostas, lubrigantes, santiaguiños, nécoras e centolas. Serían postos a recado nos viveiros e a cetaria á espera do Nadal.

Por San Andrés as mocitas estreaban pezas de punto procedentes do talles que tricotaba coas irmás Pillado Correa no Coto. Os cabaleiros cos seus mellores traxes ben repasados. Os músicos cos seus uniformes de traballo. A chavalería desde moi pronto con gravatas.

Hoxe todo foi desaparecendo. Non hai salóns de baile. As orquestras adoitan ir disfrazadas. A música prodúcea a robótica. A San Andrés case non se lle lembra, salvo para aqueles que adoitamos desprazarnos ata Teixido por motivos costumistas e culturais.