Unha muller de 57 anos inicia unha folga de fame ante os Xulgados de Viveiro reclamando «xustiza gratuíta»
A MARIÑA
María del Mar Segundo asegura sentirse «indefensa» tras a renuncia de oito avogados de oficio a representala nunha causa contra outra letrada
03 nov 2025 . Actualizado á 13:21 h.Desde as 07.30 horas deste luns, 3 de novembro, permanece en folga de fame ante os Xulgados de Viveiro María del Mar Segundo Fanego. A muller, de 57 anos e natural da Coruña, pero fincada en Viveiro desde hai algúns anos, reclama «xustiza gratuíta». Afirma que oito avogados de oficio renunciaron a representala nunha causa que formulou contra a letrada que no seu día a defendeu nun preito contra o seu pai. «Non teño avogado nin xustiza gratuíta desde fai máis dun ano e incluso tiven que comparecer soa ante a xuíza», indica. Manifesta que se atopa nunha situación «de vulnerabilidade absoluta». «Non sei que facer nin a quen recorrer. E para aparecer morta calquera día nunha casa ou na rúa, prefiro morrer diante do xulgado», sostén.
Desde o Colexio Oficial de Avogacía de Lugo precisan que a muller «pretende exercitar unha demanda contra unha avogada que a defendeu no seu día». «Pero é unha pretensión inviable porque non houbo mala praxe, como así o determinou no seu momento a letrada de Lugo que foi designada tras a renuncia de dous avogados de Viveiro», sinalan desde o colexio, que tamén ratificou esa determinación e deu traslado do expediente á Xunta de Galicia. «Que tamén o confirmou», sosteñen.