Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro: «Confío en que os orzamentos da Xunta reflectirán o avance que vai ter Viveiro»

A MARIÑA

A rexedora espera que a Variante reciba una partida importante no 2026
01 sep 2025 . Actualizado a las 22:11 h.O próximo 7 de setembro, coincidindo case co inicio do curso escolar, Mariña Gueimunde González (Viveiro, 1968) cumprirá seis meses como alcaldesa. Un cargo ó que accedeu trala moción de censura apoiada por Por Viveiro en base a un pacto a cumprir en dous anos repleto de actuacións clave para o presente e o futuro dun municipio que ten máis de 15.200 habitantes, segundo o padrón do IGE, e que é referente da Mariña e de Galicia desde hai séculos.
—Cantas reunións tivo coa Xunta de Galicia neste medio ano para reclamar investimentos?
—Moitas, unhas vinte.
—E coa Deputación e a Delegación do Goberno?
—Ningunha porque aínda non me atenderon. O primeiro que fixen o 10 de marzo foi solicitar cita coas tres administracións, pero do delegado do Goberno, Pedro Blanco, e do presidente da Deputación, José Tomé, non sei absolutamente nada. Pese a que comprometeran investimentos para Viveiro, está todo paralizado.
—O documento firmado con Por Viveiro detalla moitas actuacións. En que estado está a variante, que formará parte da VAC Costa Norte?
—Temos claro que o proxecto que tiñamos hai vinte anos é o que se vai facer. Igual hai algunha pequena modificación na entrada de Magazos e pedimos que se habilite outra en Celeiro para o porto, pero está encarrilado. Previsiblemente o día 4 virán técnicos de Infraestruturas para que nos expliquen se hai que facer actualizacións, e tamén nos falarán da rotonda da Misericordia, cuxo proxecto está en redacción. Son partidas importantes e confío en que os orzamentos da Xunta do 2026 reflictan o avance que vai existir en Viveiro despois de tantos anos de parálise.
—Traerán eses orzamentos autonómicos unha especie de «maná» para o municipio?
—Serán a demostración clara e evidente de que o goberno do PP aposta, por exemplo, pola variante de Viveiro. Porque o necesita a comarca, non só Viveiro.
—Case 20 anos leva tamén atascado o Plan Xeral de Ordenación Municipal...
—En canto chegamos, recompilamos toda a documentación que había e enviámola á Xunta, que a está avaliando. Queremos que nos digan: ‘Hai que cambiar isto, isto e isto’. Pasaron moitos anos, hai informes sectoriais que foron remitidos hai moito tempo e entendo que haberá moitas cousas que non están ben, polo que canto antes as enviemos antes poderemos rectificar e avanzar. Fixéronnos xa varios requirimentos e o equipo de OTEA, a empresa que está redactando o PXOM, e o servizo de Urbanismo, remitiron a documentación. A comunicación é fluída e quero que veñan técnicos de Santiago explicar directamente ó conxunto de voceiros municipais como está o tema.
«A relación con toda a oposición é moi boa, ata temos un grupo de wasap»
Conta Gueimunde que vivía «máis tranquila» como profesora, pero está feliz de «loitar» polo seu pobo. «A relación con toda a oposición é moi boa, ata temos un grupo de wasap para recordatorios de actos e traslado de información puntual cando se requira, como as manchas de gasóleo na praia de Area», di.
—Que papel están xogando os técnicos municipais nesta etapa?
—Son pezas clave no bo facer. Hai que darlles a tranquilidade e a delegación que merecen. Ilusionalos e metelos no teu proxecto de dicir: ‘Quero amañar, quero facer isto...’. Que vexan que algo se está movendo porque a desidia é contaxiosa. Hai que esixir, pero sempre con educación e respecto, e confiando no seu criterio porque moitas decisións dependen dos técnicos e dos servizos xurídicos.
«Portos estuda xa o borrador de proxecto que presentou unha empresa para o Casino»
O acordo firmado polo PP con Por Viveiro que apeou ó PSOE do goberno local logo de 22 anos tamén inclúe a creación dun espazo deportivo na explanada do Casino, «promovendo a actividade física e o benestar comunitario». Algo que, en opinión da alcaldesa ten visos de callar se prospera o proxecto que unha empresa «vinculada ó porto» pretende levar a cabo nun espazo cheo de posibilidades. «Portos estuda xa o borrador de proxecto que presentou unha empresa para o Casino. Entendemos que é a que mellor rendibilidade lle pode sacar a ese espazo», sinala.
—En que consiste o proxecto?
—Non o vin directamente porque estou respectando os prazos.
—Pero coñece que fase está?
—Sei que Portos e empresa están revisando e negociando o tipo de canon e a cantos anos. O espazo é tremendo e, como Concello, intentaremos sentarnos coa empresa e valorar o proxecto que ten para buscar e conxugar a creación dalgún tipo de servizo municipal, con zonas axardinadas ou pistas deportivas xunto ó paseo marítimo que vai bordear o que será o nexo de unión entre a fachada marítima e o peirao vello.
—Que investimentos prevén para proximamente para o medio rural?
—Iamos facer o saneamento entre a ponte de Landrove e a ETAP, pero necesitamos unha remodelación importante non só da ETAP senón do resto da rede. Este verán non houbo tantas roturas coma outros anos, pero o estado da infraestrutura esixe renovala. Están mirando de intervir primeiro na ETAP e logo ir por fases. É unha labor de continuación, de anos. Esperemos que vaian partidas nos orzamentos da Xunta porque estamos falando de contías importantes. O bombeo cara ó Real non está en bo estado, e se rompe podería quedar case todo Viveiro sen auga.
—E no referente a pistas?
—Estamos facendo un montón de proxectos porque se non os fas e non os presentas non podes optar a financiamento. O departamento de Obras e Urbanismo está a traballar arreo porque leva moitos, e de moitas pistas.
«Para o polígono de Landrove existen varias posibilidades que estamos estudando»
Coidar o polígono industrial de Landrove para favorecer o asentamento de empresas e facilitar a ampliación das existentes que o desexen é unha das metas da alcaldesa, quen recoñece que Viveiro é un «municipio turístico, pero precisa industria» que axude a fixar poboación. Con ese fin mantivo esta semana unha reunión coa directora xeral de Solo Industrial. «Hai varias posibilidades porque no polígono hai parcelas sen asignar e hai que cubrilas, ou ver se se poden segregar para facelas máis pequenas. Outra opción é facer micro polígonos mesmo en só rústico se hai 2 ou 3 empresas interesadas. E facilitar infraestruturas, como a variante, que fagan Viveiro atractivo», indica.
«A Deputación pode facer un esforzo co Conservatorio, non ten xeito que achegue só 15.000 euros»
Pola ensinanza regulada que imparte, pero tamén pola «cultura viva» que brinda durante todo o ano a Viveiro en forma de grupos, concertos, actividades, etcétera, o Conservatorio de Música Profesional é unha xoia a preservar, como destaca a rexedora. «Foi unha aposta do primeiro goberno do PP que logo continuou co goberno do PSOE e do BNG, e que vai continuar con este goberno», destaca Gueimunde, que sinala que boa parte dos 188.000 euros do convenio asinado hai pouco coa Axencia de Turismo de Galicia se destinarán a contribuír a financiar o conservatorio, cuxo orzamento rolda os 1,2 millóns anuais. «Pero aparte da partida da Xunta hai que recordarlle á Deputación de Lugo, ó señor Tomé, que non ten xeito que só lle acheguen 15.000 euros, que é o que lle achegan a calquera asociación, a un centro que é de ámbito comarcal», afirma.
Orzamentos do 2026
Nesa liña, a alcaldesa indica que «sería bo ter unha previsión dos actos que se pretenden facer de cara ó ano que vén para así valorar a axuda e colaboración» que se pode ofrecer desde o Concello. «Se co presuposto aprobado non existe partida é inviable financiamento», sostén.