Un pescador cántabro captura no río Masma o campanu de Galicia, o primeiro salmón da tempada: «Deu que facer para sacalo»
A MARIÑA

A campaña abriuse o pasado 1 de maio e ata o de agora non picara ningún exemplar. Dúas horas despois pescouse o primeiro do Eo, na Pontenova
06 jun 2025 . Actualizado á 22:23 h.Un coñecido pescador cántabro, de Unquera, Juan Carlos Lamadrid, pescou este venres na Mariña, no río Masma o primeiro salmón da tempada en Galicia, o campanu galego, unha peza de 78 centímetros e 5,135 quilogramos, que picou ás 9.30 horas a cebo natural no lote 1 do río.
Juan Carlos Lamadrid, coñecido entre os afeccionados á pesca por «O campanu de Unquera», forma parte dunha coñecida familia de pescadores cántabros. No seu haber ten varios campanus, o último o do río Cares no ano 2023. Agora suma un máis: «Deu que facer para sacalo, pero ao final todo foi ben», comentou.
O deste venres foi o seu primeiro día de pesca no Masma, onde se desprazou cun grupo de amigos pescadores que este sábado lanzarán as súas canas no Eo. Como a venda do salmón atlántico pescado en ríos está prohibida en Galicia (en Asturias o campanu si se poxa), manifestou que «procuraremos comelo en familia, cos amigos, xa veremos».
Sobre a complicada situación da pesca do salmón, sen apenas capturas en todo o Cantábrico, recoñece que «a cousa está moi mal. É xeral, en todos os ríos. Son de Unquera, do Cares, e está igual, como en toda Cantabria, Asturias e Galicia. Non sei a solución, pero sen dúbida non pasa por quitar as canas do río. A afección témola. Vir desde Cantabria ao Masma, non saíndo algo en toda Galicia, é porque temos moita afección. Levamos vindo pescar no Masma desde hai tres anos».
Pouco despois de picar un salmón no Masma saltaba outra boa noticia no Eo, onde ás 11.30 horas picaba o primeiro salmón na canle cuxa xestión comparten Galicia e Asturias. Facíao nun tramo galego, no lote 3 da Pontenova. Un pescador ovetense, Manuel Granda Martínez, capturou a cebo natural unha peza de 69 centímetros de lonxitude e 3,859 quilos de peso.