Sargadelos celebrará un consello de dirección o día 13 para propor medidas «con relación ao acoso» de Inspección de Traballo

A MARIÑA

A compaña xustifica que, por ese motivo, non poderán asistir ese martes a unha comparecencia á que foran citados pola autoridade laboral
30 abr 2025 . Actualizado á 17:08 h.Desde a empresa Sargadelos confirmaron este mércores a Inspección de Traballo que non poderán asistir a unha comparecencia fixada para o 13 de maio á que foron citados nas últimas horas, tamén con intención de que achegasen documentación. Segundo fontes da compaña de cerámica, a autoridade laboral citoulles ese día ás 11 horas nas súas oficinas. No mesmo requirimento, explican, «ameázasenos con sancións e actas varias en caso de incomparecencia».
Desde Sargadelos xa enviaron a súa resposta a esa convocatoria indicando que ese mesmo día, 13 de maio, a empresa celebrará un consello de dirección «para propor as medidas oportunas con relación ao acoso a que nos vemos sometidos por parte desa inspección. Escusamos por tanto a nosa asistencia ao seu despacho».
Na resposta remitida a Inspección, o administrador único de Sargadelos, Segismundo García, lamenta «a prepotencia e esixencia desa eficacísima inspección». Tamén lle indica ao inspector que lles cursou a cita que «toda a información que se nos solicita levarlle ao seu despacho atópase clasificada e ordenada nas oficinas desta compaña. Entendemos o amolo de que alguén desa administración teña que desprazarse a Cervo, pero non é máis incomodidade que a nosa en ir cos cartafoles e arquivadores a Lugo».
Ademais, menciona que existe «animadversión insistente e perseverante» contra a compaña de cerámica por parte de dous representantes de Inspección de Traballo.
Todo isto sucede o mesmo día no que o administrador único de Sargadelos invitaba o líder dos socialistas galegos, Gómez Besteiro, e a outros cargos do PSOE, entre eles alcaldes, edís e deputados, a «saír da súa propiedade» en Cervo. O PSOE fixara unha comparecencia de prensa ante as instalacións da factoría cervense.