O dono de Sargadelos «invita a saír» da súa propiedade a Besteiro e alcaldes do PSOE da Mariña cando falaban dos despedimentos
A MARIÑA
Os dirixentes socialistas estaban a dar unha rolda de prensa ás portas do complexo industrial cando irrompeu Segismundo García
30 abr 2025 . Actualizado á 17:14 h.Segismundo García, propietario do grupo Sargadelos, volveu dar este mércores mostra do seu singular carácter e personalidade cando irrompeu ás portas da fábrica de Sargadelos, en Cervo, e dirixiuse ao secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e aos diferentes cargos socialistas presentes para lembrarlles que estaban nun espazo privado, invitándoos a saír. Besteiro estaba acompañado de alcaldes e dirixentes do PSOE da Mariña, así como pola vicesecretaria xeral do PSdeG-PSOE, Lara Méndez, dando unha rolda de prensa á que convocara aos medios de comunicación para falar sobre os despedimentos, a seguridade e saúde laboral da fábrica e acerca da situación do grupo Sargadelos. Os representantes socialistas, aínda que nun primeiro momento non lle fixeron caso, ante a insistencia de Segismundo García, retiráronse uns metros, tal e como lles pedía (fóra do recinto), e continuaron a rolda de prensa.
Entre os cargos do PSOE atopábase Rogelia Mariña, durante 30 anos delegada sindical da UGT en Sargadelos e ex presidenta do comité de empresa da fábrica de Cervo durante a crise e que agora é concelleira do PSOE no Concello de Xove. Rogelia Mariña obtivo dúas sentenzas favorables do TSXG contra o administrador único de Sargadelos, Segismundo García, por despedimento nulo da representante sindical e por vulneración de dereitos fundamentais.