Os Concellos ofertan prazas para traballar reforzando servizos no verán

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O de Ribadeo ampliou o prazo para cubrir as prazas de socorristas

25 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Varios Concellos da comarca publicaron novas ofertas de emprego principalmente orientadas a reforzar servizos de cara á tempada estival. Ás lanzadas nas últimas semanas súmanse outras, como as divulgadas este venres polo Concello de Foz, que publicou as bases para unha praza de tractorista fixo descontinuo e para un xardineiro fixo descontinuo. O pasado 20 tamén publicitou a convocatoria de dúas prazas de auxiliar administrativo mediante o sistema de oposición, en quenda libre.

O Concello de Ribadeo comunicou que amplía o prazo para a presentación de solicitudes ata o 3 de xuño dentro do proceso de selección de persoal laboral temporal para cubrir seis postos de socorristas acuáticos durante tres meses, do 17 de xuño ao 16 de setembro, con constitución de bolsa de emprego.

Entre outras ofertas, o Concello da Pontenova deu a coñecer as bases do proceso de selección para contratar a un auxiliar administrativo durante seis meses a xornada completa a través do Programa Reforzo do Emprego 2024.

O de Xove publicou este venres as bases e a solicitude de participación no proceso selectivo dunha praza de oficial de fontanería como persoal laboral temporal por substitución de traballador con dereito a reserva de praza e a creación dunha lista de reserva.

Ademais, no Vicedo expoñen as bases para a contratación, mediante oposición, de catro peóns de protección do ambiente e de espazos naturais a xornada completa, do 17 de xuño ao 16 de setembro. «A proba de selección realizarase o día 31 de maio», indican.