Mor e Alfoz seguen no punto de mira de media España grazas a Chiquito

A MARIÑA

CEDIDA

A solicitude de Conde de Mor está aí e a hostalería pensa xa na Ruta de Chiquitos

15 nov 2017 . Actualizado á 05:00 h.

Alfoz continúa no punto de mira de media España, levantada á fama pola campaña de Campofrío pedindo a Felipe VI que nomee Conde Mor a Chiquito da Calzada. Nunca se fotografaron tanto os sinais indicadores da parroquia alfocesa de (San Pedro) de Mor. Nunca o tenente de alcalde, Xabier Pardiñas, pasárase tantas horas ao teléfono, atendendo entrevistas de emisor e xornais nacionais e galegos. Mentres fala da petición e de Mor aproveita para promocionar as dúas torres do municipio, o Mariscal Pardo de Cela, a Fervenza do Escouridal, a Pena Abaladoira e a paisaxe marabillosa do seu municipio que, explica, sería un excelente pano de fondo para que Campofrío gravase un dos seus anuncios. A súa idea é porse en contacto coa empresa para agradecerlle esta campaña de homenaxe ao humorista que, de rebote, serviulles para catapultar o nome de Mor e de Alfoz e A Mariña en toda España. Non quita que a relación se intensifique. Pardiñas enviou onte unha mensaxe aos hostaleiros locais propóndolles participar nunha Ruta de Chiquitos na que podería servirse veu a granel. Os hostaleiros cos que contactou este xornal ven con satisfacción esta fama repentina e a posibilidade de sumarse a esa ruta de viños que, suxire Pardiñas, podería acompañarse con embutidos de Campofrío. Sería como pechar o «círculo de Moor». O «humor,» como sinalaba un famoso actor galego, ao fío desta noticia, impregna as redes sociais, sempre con ese transfondo de respecto que se soubo gañar o humorista falecido.

Outro coñecido xornalista e escritor, natural de Valadouro, suxería que «chegados a este punto, mínimo nombralo fillo adoptivo». Pardiñas explicaba nunha emisora, aludindo ao titular «Deus admite no ceo ao primeiro pecador» que non podía ser menos, estando San Pedro, de Mor, gardando as súas portas.

Alberto Geada, príncipe dos zoqueiros e alfocés, teno claro, a próxima xeración de zuecas levará «chiquitadas». É o seu particular recoñecemento ao humorista falecido, explica, mentres se despide cun «ata logo Lucas».