O restaurante flotante de Roberto Vilar: «Foi algo de arroutada»

AO SOL

CEDIDA

É dono do Sanbaia en Sanxenxo, que leva a nivel gastronómico José Meloxo

16 jul 2025 . Actualizado á 11:03 h.

«Comprei un barco veleiro precioso», anuncia feliz Roberto Vilar. Sen deixar de lado o humor co que gaña a vida desde hai 30 anos, aniversario que celebrou na xira Celebreixon, concluíndo en San Cristovo de Xove onde naceu, ofrece agora a súa versión ao estilo Chanquete. Propietario da goleta Sanbaia, fusionou dúas partes, a naval e a gastronómica: «Propúxenlle este proxecto a José Meloxo, o noso chef capitán, que estaba no chiringuito de praia que eu frecuentaba en O Grove, o Kiosco Areaso. Gustoulle moito. O barco é de madeira, de 1920. Montamos dentro unha barbacoa, de carbón, onde facemos todo á brasa: navallas, bogavante, lubina... Está guai!». Ten capacidade para 22 comensais e ofrece un servizo diario ao mediodía, con recollida dos clientes en zódiac no porto de Sanxenxo ou no Club Náutico de Portonovo. O restaurante flotante dá a opción de tomar o aperitivo antes e darse un mergullo despois do festín.

O Sanbaia está fondeado na praia de Silgar, en Sanxenxo. Conta coa alternativa de alugueiro completo para aqueles que queiran saír a navegar pola costa, patrón incluído. Xa comezaron a recibir reservas, a través da súa páxina web, para gozar do menú degustación. Vilar di que arrinca coa iniciativa «pouco a pouco, para ir colléndolle o punto, porque estamos na fase de novidade». Á fin e ao cabo, é tamén a primeira vez que o humorista galego embárcase, nunca mellor dito, nunha aventura deste calibre. «Sempre din que non debes montar un restaurante nin comprar un barco e fixen as dúas xuntas. Non me interesaba o negocio da hostalería, pero como isto é algo distinto, pois apeteceume. Chegas a Sanxenxo, ves o barco alí fondeado... É precioso. Está moi coidado e moi ben restaurado», agrega. Á pregunta de se foi un flechazo, comenta: «Supoño que algo de arroutada houbo». A localización do Sanbaia é estratéxica: «Hai moita xente e moi bo clima no verán». Pero non se expuxo levalo á Mariña, polo tempo: «As Rías Baixas teñen mellor clima que as Rías Altas, aínda que tamén é verdade que as nosas praias son preciosas».