O director de «Sirât» ten un estilo peculiar e unha forma tamén única de entender a moda. Un xeito de levar á alfombra vermella a súa creatividade
10 mar 2026 . Actualizado á 15:07 h.Existe vida máis aló do esmoquin e a paxarela. A alfombra vermella é un lenzo en branco para crear unha personalidade propia. Os artistas aprovéitana: os que empezan para facerse notar, outros simplemente cumpren coa etiqueta. Para Oliver Laxe as presentacións, premios e eventos de promoción de Sirât convertéronse nunha oportunidade para seguir construíndo o seu personaxe.
O cineasta galego, que pronto pasará pola gala dos Óscar para ver se consegue o premio á mellor película de fala non inglesa ou o de mellor son, ou ambos, leva meses de promoción con Sîrat. Os seus traxes pouco teñen que ver co convencional: patróns anchos, de inspiración xaponesa, con tecidos que xogan coas texturas e os estampados. A firma de sastrería española Mansolutely é unha das súas marcas de confianza. Para os Goya levou un traxe a medida de veludo burdeos de algodón. «Seguindo as directrices de Oliver, desenvolvemos un patrón no que o ombro da chaqueta e a cintura do pantalón axústanse con precisión á súa fisionomía», explican na marca sobre un dos seus últimos looks.
Hai máis detalles que dan conta da implicación do cineasta nos seus traxes: «A solapa da chaqueta estaba decorada cun bordado dunha píntega, motivo que alude a un animal emblemático no imaxinario de Oliver e representativo da súa contorna vital en Galicia».
A firma de sastrería foi tamén a responsable doutros estilismos, como o da alfombra vermella dos Globos de Oro. Na lista de traxes hai outros nomes como a galega Adolfo Domínguez. Nada queda ao azar, todo forma parte dun todo no universo rave de Laxe.