Entramos na casa de Hugo Pérez, o novo presentador de «Somos animais», que convive cunha cabra, unha burra, un can, un galo e un gato
YES
O formato, que se estrea o xoves 12 de febreiro a partir das 22.50 na TVG, pretende amosar como xestionar e solucionar situacións cotiás vinculadas ao coidado das mascotas. «É un "reality" pensado para rir e aprender», confesa
08 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hugo Pérez preséntase como un apaixonado dos animais, unha afección que asegura arrastrar desde a nenez e que foi consolidándose co paso dos anos. Aos 16 pediulles aos seus pais unha cabra, Rubia, que se convertería na primeira integrante dunha familia que non deixou de medrar co tempo e á que se unirían posteriormente outros membros, como a burra Margarita ou o gato negro Benito, dos que o pontevedrés sempre se mostrou moi orgulloso. Esta faceta persoal é ben coñecida polos máis de 700.000 seguidores cos que comparte o seu día a día en Instagram, así como por quen seguiu a súa traxectoria televisiva nos últimos anos. Xa na súa participación na décimo quinta edición de Gran Hermano fixo referencia á súa cabra, unha mención que repetiría posteriormente durante o seu paso por La isla de las tentaciones.
Tanto os platós como as redes sociais deron conta de maneira continuada desta relación cos animais, que agora se materializa nun novo proxecto profesional: a presentación de Somos animais na Televisión de Galicia. O creador de contido, natural de Bueu, sitúase a partir do xoves 12 de febreiro ás 22.50 á fronte dun reality que busca amosar como abordar e resolver conflitos cotiáns relacionados co coidado das mascotas, sempre cun enfoque didáctico e respectuoso.
O formato supón un reto que o presentador afirma vivir con especial ilusión, ao chegar —segundo explica— nun momento idóneo da súa vida e permitirlle combinar dúas constantes desta: os animais e Galicia. «Tiña moitas ganas, aínda que sería mentira dicir que o primeiro día non estaba nervioso. Bastou con coñecer o equipo e os participantes para relaxarme ao ver a boa sintonía», confesa.
Ao longo dos quince programas que integran o espazo producido por Voz Audiovisual, Hugo percorrerá distintos puntos da comunidade para achegarse ás dificultades ás que se enfrontan os donos participantes e colaborar na busca de solucións adaptadas a cada situación. Cada entrega aborda un caso diferente, co propósito de ofrecer exemplos recoñecibles para a audiencia: desde problemas de agresividade, celos ou exceso de enerxía ata medos, traumas pasados ou carencias de socialización.
Hugo non afronta este camiño en solitario: cada episodio conta co apoio de especialistas en comportamento animal, encargados de analizar os casos e de propoñer pautas profesionais que favorezan unha mellor convivencia entre persoas e animais. Entre eles destaca Jorge Vázquez, presenza habitual ao longo de toda a tempada.
«En Somos Animais traballamos con cans e gatos, pero tamén con outros moitos: porcos, cabalos, burros e algunha sorpresa máis que se irá descubrindo conforme avance a edición», apunta Hugo, ao lembrar as xornadas de gravación. Días nos que agradece «a hospitalidade dos participantes» e nos que asegura ter coñecido historias como a de Morucha, unha burra de Touro cuxa dona quere aprender a montar, ou a de Pegaso, un cabalo de Salceda de Caselas que sufriu un cólico, «casos que me marcaron especialmente e me roubaron o corazón por completo».
RECOMENDACIÓNS
Cómpre destacar que a acción transcorre tanto en contornas rurais como urbanas. Localidades como Liñariños, situada no municipio pontevedrés de Campo Lameiro, ou cidades como Vigo e A Coruña forman parte dos escenarios nos que se gravou a tempada. Neles ofrécense recomendacións —moitas veces da man de clínicas veterinarias ou de centros de coidado— sobre alimentación, exercicio, socialización e benestar emocional, elementos clave para garantir unha boa saúde animal.
Falar con Hugo da súa experiencia como condutor do espazo é evocar momentos agradables, pero tamén aprendizaxes. «Durante as gravacións aprendín moito, tanto dos donos como dos expertos, consellos que descoñecía e que considero útiles», sinala. Destaca ademais a importancia de traballar cun equipo implicado e con profesionais do ámbito animal, un factor que, ao seu xuízo, foi determinante para o desenvolvemento de cada episodio. Engade que a paciencia e a observación son claves: «Ás veces un pequeno cambio na rutina ou no trato pode mellorar significativamente o benestar do animal».
«PARA PASALO BEN»
Esta reflexión lévao a definir Somos animais como «un programa para pasalo ben, rir e coñecer o vínculo que os galegos mantemos cos animais. Unha relación que aínda é máis forte do que pensaba». Ao mesmo tempo, subliña o seu compoñente educativo: «Hoxe en día é raro atopar unha persoa ou unha familia que non teña unha mascota na casa, realidade que se reflicte no programa, así como a necesidade de aprender a coidala e a entender o seu comportamento». Tamén insiste en que a educación animal debe ir acompañada da responsabilidade do dono, e que cada éxito no adestramento ou na mellora dun comportamento é unha vitoria compartida.
O presentador insiste na relevancia da educación e da comprensión das condutas animais. «Non todos reaccionan igual, depende da especie, e é normal atopar dificultades tanto no momento de adopción como ao longo do tempo. Para afrontar un comportamento que nos preocupa, primeiro hai que identificar a súa orixe e logo buscar a solución máis axeitada», explica. Engade que esta idea, xunto coa mensaxe de que «nunca é tarde para corrixir unha conduta, mesmo cando os animais son adultos», constitúe un dos eixos fundamentais do programa.
En total, abórdanse trinta casos cos que a audiencia poderá comprobar, tanto a través da emisión na Televisión de Galicia como nas redes sociais do formato, que o coidado dunha mascota vai máis alá das necesidades básicas: implica comprensión, respecto e a construción dun vínculo que enriquece a vida de persoas e animais por igual.