María, 22 anos: «Souben o que era un fogar por primeira vez aos 14 anos»

YES

Óscar Vázquez

Estivo sete meses nun centro de menores agardando unha familia, aínda que segundo conta a súa nai Tania, a mensaxe que lle trasladaban era que nunca ía haber unha para ela porque era «unha adolescente»

15 dic 2025 . Actualizado á 12:22 h.

Desde que María entrou no centro de menores o seu desexo era pasar o menos tempo posible nel. Aínda que a mensaxe que lle trasladaban non incitaba ao optimismo, apenas pasaron sete meses ata que chegaron boas noticias: había unha familia que quería coñecela. Tania e Alfredo, e os seus dous fillos, decatáranse a través doutra persoa que tiña a un familiar nese centro de que había unha nena de 14 anos que apenas saía as fins de semana, cando o resto de nenos habitualmente si o facían. «Cando nós chegamos ao acollemento, a verdade é que non nos plantexamos en principio acoller, nese momento tiñamos dous fillos, o noso fillo que chegou de Etiopía con 5 anos, e que xa tiña 12, e o pequeno que chegou a través dunha cesárea, de 4 anos. Eu expuxen en casa o caso desta moza, e que lles parecía se nos ofreciamos para que pasase as fins de semana e o seu tempo de lecer connosco». Co beneplácito dos seus, comezaron os trámites. Revisaron o seu expediente, ao ser familia adoptiva, a Xunta xa contaba con información, eles xa tiñan a idoneidade para a adopción, que actualizaban cada ano, así que foi bastante sinxelo. Entrevistáronse coa directora do centro, que lles deu luz verde para reunirse con María. «Foi unha mestura de alegría e nervios, porque ao final eran dúas persoas descoñecidas onda os seus fillos. Ao principio, estaba desconcertada, pero alegre á vez, porque o que eu quería era pasar o menor tempo posible alí. Para min foi un privilexio, porque ver a todos saír e eu quedar alí, e ter que facer actividades de nenas pequenas, que xa se non correspondían coa miña idade, eu tiña 14, era moi triste», expresa María. 

Comezaron a verse algún sábado, algún domingo, fins de semana, días libres, semanas enteiras en vacacións... «É o que se chama un acollemento vacacional, unha especie de permiso. Dábannos permisos para estar con ela, tratábase de que ela se sentise ben, non na obriga de vir á nosa casa», apunta Tania. «Eu volvía supercontenta. Descontenta por volver ao centro. Pero alegrábame saber que ao seguinte volvía», lembra María.

Desde o principio quixeron deixarlle as cousas moi claras a ela. O seu ofrecemento como familia era un acollemento vacacional. «Foi das primeiras cousas que falamos con ela para que entendese que a forma de encaixar en todo o que tiñamos montado como familia era este tipo de acollemento. Tal e como tiñamos estruturada a nosa vida familiar e laboral non había cabida para máis pequenos». Esta decisión foi moi valorada por María, que lles agradeceu a claridade desde o principio e entendeuno perfectamente. Para ela, a casa de Tania e Alfredo supuxo «coñecer por primeira vez o que era un fogar». «No centro non había esa calor familiar nin nada. Non é igual. Á fin e ao cabo, alí eran moitos educadores, un día podía ser un, outro día... Non había ese vínculo para nada».

María nunca tivo relación cos seus pais biolóxicos. Estivo en acollemento en familia extensa (outros familiares fixéronse cargo dela) ata os 14 anos que entrou no centro. Ela ansiaba unha familia, pedíaa constantemente, pero segundo Tania, desde o centro quitaban esa idea da cabeza. «Ela sempre pedía que quería unha familia para sempre, pero realmente a mensaxe que se lle daba nese centro, e que se segue dando, é que era un caso que non se ía resolver. Que nunca ía haber unha familia para ela porque era unha adolescente. É dicir, que non ía ser fácil, por non dicir imposible, que unha familia puidese chegar a querer coñecela». Por sorte, estes prognósticos non se cumpriron e aos sete meses de ingresar no centro, María coñeceu a Tania e Alfredo nunha praia en Samil. «Fomos a tomar un xeado, un McFlurry, e deunos as grazas por querer coñecela. Eu sempre lle digo que foi moi valente por querer coñecer a dúas persoas adultas descoñecidas de todo con 14 anos, e con todo o que levaba vivido detrás. Por dar o paso adiante e dicir: “Arríscome de novo, porque me pode máis a necesidade de querer pertencer a unha familia que o medo a fracasar”». «Eu dixen: “É a miña oportunidade”... Xa pasaran moitos meses e con tal de pasar menos tempo no centro....», reflexiona o mozo que está a piques de cumprir 23 anos. 

QUÍMICA CON PEPE

Na casa de Tania a noticia tamén tivo bo encaixe, «cos seus momentos, como todo». «Creo que é unha montaña rusa onde sobes e baixas, como María seguramente tamén teña tido os seus momentos en que tamén diría que non quería vir. Porque igual o plan do centro era mellor que verme pasando o ferro a min polas tardes. Todo o mundo tivo que encaixalo. A miña filla compartiu habitación desde o minuto cero co pequeno, Pepe, de 4 anos, porque entendía que o maior necesitase ese espazo físico, entraba en plena adolescencia, con 12. Eu deitaba a cada un na súa cama, e nunca sabía en cal os ía a atopar. Houbo unha simbiose desde o primeiro momento, un lazo de unión que se mantén ata o de agora».

María estivo catro anos no centro de menores. Aos 18 trasladouse a un piso tutelado, no que viven con educadores, pero os menores son máis autónomos. «Estiven moi pouquiño tempo, porque me sentín máis desubicada que nunca. Era máis restritivo, aínda que debería ser ao revés, porque xa tes a maioría de idade, pero non. Había máis distancia ao querer falar coas educadoras, eran máis pasotas... Chegou un punto que dixen: “Isto non é para min”. E funme». Era consciente, ao dar ese paso, de que se se ía, non podía volver, pero arriscou.

Agora vive na súa propia casa —por primeira vez pode ter a neveira e a despensa coas cousas que lle gustan, pequenos detalles que nunca tivera— co seu marido, o seu fillo de 3 anos, e está embarazada do segundo. «Son avoa e vou ser avoa de novo», exclama Tania. «Ela ten a súa vida independente, pero segue tendo á súa nai, ao seu pai, aos seus irmáns, avós, tíos.... e seguímonos xuntando para comer os domingos!», conta. «A relación é a mesma, quizais non tanto como cando estaba no centro, que ía todas as fins de semana. Agora, ao ter a miña vida, non vou tan seguido, porque tamén fago os meus plans familiares. Pero Tania é á primeira persoa que chamo para calquera cousa e a calquera hora». «Para iso estamos», interrompe Tania, que engade: «Exerzo de avoa, e a miña nai de bisavoa. É un orgullo e unha alegría. O meu fillo Pepe está encantado da vida, di que no cole ninguén é tío á súa idade». «Creo que o máis importante é a rede, que a miña filla senta que estamos aí, que nos podemos ver máis ou menos, como dixo ela, e aínda que ela teña a súa propia familia, nós seguimos sendo a súa rede, que é o que temos que facer, o que fan os pais e as familias, e polo que entramos nun acollemento», di Tania, que confesa que se aos 20 anos dixésenlle que ía ter a familia que ten agora, non llo crería. «Eu pertenzo á Asociación Manaia, e a través da formación e de coñecer un pouquiño a contorna dos nenos, nenas e adolescentes que pasan a súa infancia, a súa adolescencia, nun servizo de protección, dáche unha visión máis real das situacións que viven, e iso faiche poñer os pés no chan, e saber que cada un podemos poñer o noso gran de area. Non é tirarse en paracaídas, e dicir da noite á mañá que queres acoller a unha nena de 14 anos».

Tania tivo claro que quería ser antes nai adoptiva que biolóxica. «Unha vez que o fun por adopción, a bioloxía acompañoume para ser nai a través dunha cesárea. Pero no acollemento, de verdade que a miña meta non era ser nai de ninguén. A miña meta era dar soporte familiar a un menor que vive nun servizo de protección toda a súa vida sen ningunha rede de apoio. Eu estou encantada coa miña filla, sempre digo que teño tres fillos, non fago distinción, creo que non as fago, porque para min son iguais», conclúe.