
Esta condutora de Meis traballou de cara ao público e agora triunfa ao volante. «Son moi nerviosa e, curiosamente, grazas ao traballo de taxista estou aprendendo a manter a calma», asegura
16 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Eva ten 53 anos e desde hai oito meses é taxista no concello de Meis, en pleno corazón da comarca do Salnés. Curiosamente, a esta muller nunca se lle pasara pola cabeza dedicarse a este traballo, pero unha vez que se decidiu mudou de opinión: «Cambiar é complicado, meterse nunha cousa nova é difícil. Ademais, como eu teño unha discapacidade non sabía se ía aguantar tantas horas sentada fronte ao volante, pero para a miña sorpresa lévoo superbén». «Non pensei que o taxi me fose a gustar tanto», confesa.
Eva asegura que é unha persoa bastante nerviosa, e no entanto, admite que, grazas ao seu traballo agora como taxista, está aprendendo «a manter a calma». «Non queda outra, antes traballei de cara ao público e sabes con quen podes falar e con quen non, iso serviume moito para aplicalo agora», indica.
Gañarse a confianza dunha gran variedade de perfís de persoas foi fácil, tal e como subliña esta muller. No seu día a día, durante o inverno, Eva conta con rutas fixas como, por exemplo, o servizo do Sergas ou o Plan Madruga. Neste último, ela encárgase, de luns a venres, de recoller nun punto concreto de Meis a nenos de entre 3 e 5 anos para levalos á escola e despois volve buscalos para facer o percorrido de volta. «Vounos repartindo a cada un no seu cole e a mediodía fago ao revés, recollo a cada un e lévoos ao comedor. Como teño taxi de sete prazas, conto con asentos elevadores e aí van todos comigo. Acabas colléndolles moitísimo cariño e iso é tamén marabilloso», destaca Eva. E se fala con tanto sentimento dos máis pequenos, dos máis maiores máis do mesmo: «Teño algún cliente que vive só e acompáñoo á farmacia, ao súper... El xa me di: ‘Se ves ti, vou, se non, non’». Un amor recíproco que lle é devolto de moitos xeitos: «Un día ao mellor tráenme unha bolsa de figos, outra vez outra cousa... A verdade é que me fan sentir moi ben», revela orgullosa. A raíz da variante espiritual do Camiño de Santiago que pasa por Armenteira, preto de Meis, moita xente estranxeira contacta con ela. «Recibo chamadas de clientes de todo o mundo: do Reino Unido, Canadá, Xapón... Son peregrinos que en pleno Camiño me chaman para apoialos levándolles as mochilas ou o que necesiten. Se che digo que descarguei o Duolingo para aprender un pouco de inglés?», conta Eva, que está encantada de ser taxista.