
Ela é así. Unha muller divertida. Organizou unha festa co lema «non hai pena que non quite esta verbena». «Son moi marchosa e sempre me gustou facer cousas diferentes, fóra do normal», asegura Liliana Herrero Alfeirán, Lyli para os seus moitos amigos, e lyliseyes na súa faceta de influencer en redes sociais. Na gran festa de 45 anos desta muller-terremoto só había unha premisa clara: gozar. «Benvido á miña verbena. Se estás a recibir esta invitación é porque a túa presenza na miña festa de aniversario é importante para min. Ti só tes que vir e divertirte!», indicaba. A continuación, unhas cantas instrucións para a vestimenta. Ao tratarse dunha recreación dunha verbena non foi moi esixente co dress code. O cor protagonista foi o branco, tanto para elas (vestido, saia, top, blusa, camiseta e pantalón branco) como para eles (camiseta, polo ou camisa branca e pantalón vaqueiro). Contratou dous autobuses desde o centro da Coruña para desprazar ao centenar de invitados ata o espazo de eventos Makkan, situado en Santa Cruz (Oleiros). «Reserveino hai un ano porque é xusto o que buscaba, un lugar con carpa onde recrear unha verbena de pobo», explica coa voz un pouco rouca froito dos rigores da celebración que empezou á unha da tarde e concluíu de xeito oficial ás nove e media da noite. Despois, moitos continuaron brindando por Lyli.
Os DETALLES DA VERBENA
Esta funcionaria e influencer, á que coñecín hai moitos anos cando facía os seus primeiros pasos como modelo, recoñece: «Sempre me gustou máis regalar que que me regalen». «A festa tamén foi unha homenaxe á miña xente, que veu do meu pobo, Malpica, doutros puntos de Galicia e de Madrid», asegura. Por eles tirou a casa pola fiestra. Non faltou detalle. Contratou a cantante Judith Cundíns, á que vira nunha sesión vermú en Malpica, aos da Duendeneta, que van polos principais festivais achegando a súa música e alegría, ou Cousa Rica, que ofrecen un divertido servizo de coctelería, por citar só ningunhas das colaboracións. Pero houbo máis, desde unha meiga que botou a cartas aos presentes, a unha recena a base de hamburguesas de McDonald's. E, para inmortalizar todos estes momentos e detalles da festa do seu 45 aniversario, chamou a Carmen Martínez Torrón, Superkarmen. As imaxes que obtivo son espectaculares. Lyli naceu en maio de 1980 e tiña pensado celebrar ao grande os 40, pero no 2020 estabamos confinados e o de xuntar a xente era complexo. «O normal sería agardar a cumprir os 50 para unha festa así, pero nunca sabes que pode pasar e, ademais, quería algo diferente, por iso celebrei ao grande os 45», relata. Unha vez pasado este aniversario e, en vista do éxito da convocatoria, os amigos pregúntanlle que vai facer cando decida celebrar outro aniversario. «Téñoo complicado para pensar algo novo, como non sexa metelos nun barco ou nun avión e levalos a todos a algún lado», reflexiona. Lyli é capar de facelo. Envíame por WhatsApp distintos vídeos da festa e en todos aparece ela feliz rodeada de amigos e cunha decoración na que cada recuncho está tratado con mimo. Está claro que non todos os días unha funcionaria e influencer como ela cumpre os 45. Lyli é unha caixa de sorpresas.