
O músico británico é un dos fieis a Galicia todos os veráns: «Cada vez que coñezo a alguén se é galego, automáticamente suma dez puntos. Para min é sinónimo de boa xente»
08 sep 2023 . Actualizado á 13:27 h.Aínda que o seu DNI di que naceu en Londres, a James Rhodes queda pouco de británico. Mudouse a Madrid hai exactamente cinco anos e descubriu Galicia, ou aos galegos, ao pouco tempo de chegar. «Levaba dúas semanas en España e nunha festa na que eu me sentía coma un pulpo nun garaxe, veume falar un tipo marabilloso», lembra. Era o actor Tamar Novas, que hoxe en día é un dos seus mellores amigos e o padriño da súa voda. O de James con esta terra foi un flechazo e de feito afirma sentirse un galego máis. «Galicia está chea de cousas boas. Máis alá do evidente, como é a comida ou a natureza, penso que destacaría a calidade da xente. En calquera lugar teñen sempre os brazos abertos. Demostran un sentido de pertenza a unha terra e unha hospitalidade que é incrible, e que me atrapou dende o primeiro momento», admite. «Cada vez que coñezo a alguén, se é galego, automaticamente suma dez puntos. Para min é sinónimo de ser boa xente, algo que pode parecer inxenuo pola miña parte, pero ata agora nunca me fallou», chancea.
O autor de Instrumental está namorado do idioma — «o máis riquiño do mundo»— e do clima. Di que lle encantaría poder dispor de tres meses para percorrer Galicia por completo: «A verdade é que alucino con cada lugar novo que coñezo nesta comunidade, así que sería unha sorte poder descubrilos todos». Por agora a súa axenda non llo permite, pero xa ten unha boa lista cos seus recunchos favoritos, encabezada por Muros. «Quedei prendado dese sitio por unha anécdota moi concreta. Na miña primeira visita, estaba tomando algo pola noite na praza do pobo e ao meu redor había nenos xogando con bicis, con pelotas, con paus... sen ningún sentido de perigo. Pareceume un lugar máxico, separado do mundo real», relata. Tamén alucina con Noia, coa praia de Carnota, con Santiago ou con Vigo. Nas súas visitas, que adoitan ser cada poucas semanas, aproveita para probalo todo, culinariamente falando. «Amo o polbo á feira, pero tamén todo o demais. Aquí comín unha das mellores hamburguesas da miña vida, de tenreira galega. Tamén me encanta o marisco e, sobre todo, os percebes, aínda que custen unha pasta», afirma o pianista.
Non só lle entusiasma vir tocar, senón que este pianista tamén se ofrece voluntario para formar parte de calquera iniciativa na que poida encaixar. «Cando me chaman, sexa dunha escola, dunha marca ou dun Concello, sempre que estou dispoñible, digo que si e dáme igual facelo gratis. Cada vez que subo é como volver á casa. Non podo imaxinar un lugar mellor para formar unha familia, de feito non paro de dicirllo a Miqui —a actriz Micaela Breque, a súa esposa—, pero por agora non a convenzo. O meu soño sería ter unha casiña en Muros, a carón do mar», admite. E de feito xa está a buscar esa casa en Galicia.