Jessica Bouzas fai historia en Wimbledon ao ser a primeira galega en oitavos dun grande

DEPORTES

NEIL HALL | EFE

Superou á ucraína Dayana Yastremska en tres set por 6-1, 2-6 e 6-3, nun partido que se detivo pola choiva e prolonga o seu idilio co torneo

05 jul 2025 . Actualizado á 21:01 h.

A herba de Wimbledon quere a Jessica Bouzas (Vilagarcía de Arousa, 2002). En Londres estreouse no cadro final dun grande no 2023 despois de superar os tres banzos da fase previa; alí eliminou no 2024 á vixente defensora do título, a eslovaca Markéta Vondrousova para despois avanzar a terceira rolda; e na pista 16 do All England Club celebrou onte unha fazaña, ao superar á ucraína Dayana Yastremska e converterse na primeira raqueta galega que acada os oitavos de final dun grand slam. Mañá enfrontarase coa rusa Liudmila Samsonova por un posto en cuartos. Nesa antepenúltima rolda, pola súa banda do cadro asoman un portento como Iga Swiatek —vencedora de cinco majors— e a danesa Clara Tauson. Palabras maiores.

En todo caso, Bouzas vive o presente coa mentalidade de quen xa se considera asentada nas grandes citas. «A miña mentalidade cambiou moito; ao vir aquí a facelo moi ben, non só a presentarme e a ver que pasa», comentou onte tras unha vitoria sufrida, na que se deixou o seu primeiro set en todo o torneo antes de celebrar o triunfo en tres set por 6-1, 2-6 e 6-3, nun partido suspendido durante case dúas horas pola choiva.

«Isto dáme ganas de crer moito máis en min»

O seu papel en Londres supón un respaldo e un aliciente para unha oportunidade moi real de plantarse en cuartos. «Non sei se a palabra é liberada, pero si motivada. Isto dáme ganas de seguir, de crer moito máis en min e de saber que isto é posible, que é posible chegar a oitavos e máis aló. Estou con moitas ganas. Sabía que podía facelo», resumiu en declaracións aos xornalistas españois en Londres e recollidas por Efe.

Bouzas, que derrotou á alemá Ela Seiden na primeira rolda, e á norteamericana Sofia Kenin en segundo antes de eliminar onte a Yastremska, toma a testemuña como gran referente do tenis galego de Lourdes Domínguez. A arousá acadara xa tres veces unha praza na terceira rolda dun grande (Wimbledon 2024, US Open 2024 e Roland Garros 2025), mentres que a pontevedresa quedara dúas veces ás portas de oitavos (Roland Garros 2009 e US Open 2010).

Conseguido o fito, celebrou emocionada a vitoria en plena pista abrazándose con parte do seu equipo: «Tiña esa espinita cravada da terceira rolda. Ao final é pura felicidade por ver que estás a avanzar, que superamos aí unha barreira que tiñamos presente, que tiñamos moitas ganas. Ao final eles son os que saben realmente todo o que hai detrás destas cousas e son o meu maior apoio. É unha alegría enorme e emociona».

Fito no seu ránking particular

Dentro de oito días Bouzas saltará, como mínimo, ao posto número 50 do ránking. Será o mellor posto da súa carreira, na que loce o título do WTA 125 de Antalya a tempada pasada. A tenista galega, que este ano xa liderou a España nos primeiros enfrontamentos da Billie Jean Cup, ascende imparable. Indícao o posto co que remata cada campaña desde que se fixo profesional: número 1.170, no 2019; 855, no 2020; 352 no 2021; 191, no 2022; 125, no 2023; e 54, ao peche do pasado decembro.

Enfrontarase agora coa rusa Liudmila Samsonova, quen superou onte a Daria Kasatkina por 6-2 e 6-3. Unha rival complicada, que gañou dúas dos seus cinco títulos en herba, en Berlín 2021 e ‘s-Hertogenbosch 2024. Aos seus 26 anos, é o actual número 19 do ránking mundial, no que levou a verse duodécima no 2023.

Samsonova é unha habitual na segunda semana dos grand slams, pero nunca superou a rolda de oitavos, que acadou en ata catro ocasións anteriores, unha delas en Wimbledon, no 2021.

Bouzas e Samsonova non se enfrontaron ata o de agora. Con este resultado, a tenista galega asegúrase un cheque de 280.944 euros, ao superar xa tres encontros en Wimbledon. A repartición a partir de agora distribúese así: as cuartofinalistas en Londres embólsanse 468.000; as semifinalistas, 907.000; a subcampioa, 1.779.000, e a gañadora, 3,511 millóns.

A arousá, formada na súa infancia no Club de Tenis O Rial con Daniel Otero, adestra agora con Roberto Ortega, que no seu día foi preparado polo lucense Óscar Burrieza.