A pola Senda da Memoria dAs Pontes

YES

CESAR TOIMIL

A pé ou en bicicleta. Xunto ao lago artificial máis grande de España, por unha ruta que oculta máis do que mostra, descóbrense trazos de historia que sepultou a mina hai medio século

02 oct 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Luis, Ou Suca (polo lugar onde se crío, Sucadío de Baixo, na parroquia do Freixo), anda uns 15 quilómetros diarios «para pensar e desconectar», e agora tamén para prepararse para o Camiño Portugués. «Xa fixen o Francés, desde O Cebreiro», conta. Camiña só. Josefa vai co seu can, Koke: «Son moito de andar polo monte, vinte ou trinta quilómetros as fins de semana, por aquí veño a diario, e fágoa enteira». Maica e Miguel van en bicicleta. «Non hai desnivel e é unha zona moi tranquila», eloxian. Son veciños dAs Pontes e crúzanse pola Senda da Memoria, un itinerario habilitado polo Concello e Endesa no 2017 para lembrar os lugares que desapareceron devorados pola mina, engulida pola auga desde o 2012.

«O lago deulle outra vida ao pobo», di Maica, que senta no banco colocado polo Concello no extremo sur desta enorme masa de auga «para ver a paisaxe». Costa imaxinar a vida nesta contorna cando a estrada atravesaba por aquí, ao pé das aldeas das parroquias de Vilavella, Espiñaredo, Seoane ou San Martiño de Goente, que sepultou a mina. Moncho acórdase das casas e os veciños «do Meidelo, do Vilar, da Ponte da Pedra... ou da Veiga, que xa era húmida, coa mesma néboa que hai agora» e que ningúns atribúen ao lago.

CESAR TOIMIL

A senda ten moito de homenaxe, ao pasado recente e a quen habitou antes o espazo do lago e o vertedoiro da vella explotación mineira. Os vestixios arqueolóxicos corroboran a existencia de máis de 80 mámoas de polo menos cinco mil anos de antigüidade. O primeiro treito, de oito quilómetros, abriuse en xullo do 2017. Abraza o lado este. E o segundo, o tramo da Vilavella, dun quilómetro e medio, inaugurouse este verán. Quedan outros oito quilómetros e medio para completar os 18 do perímetro desta inmensa masa de auga, pendentes da cesión do terreo por parte de Endesa. Esta empresa iniciou en 1976 a explotación a grande escala do complexo mineiro-industrial, onde chegaron a traballar 2.400 persoas e do que se extraeron 261 millóns de toneladas de lignito, ata o peche definitivo, no 2007. Ao ano seguinte comezou o enchido desta superficie de 225 hectáreas de terreo, que antes se recubriu dunha capa de arxila de entre 50 e 70 centímetros para evitar o contacto da auga co carbón.

CESAR TOIMIL

As augas do río Eume e as escorrentías do vertedoiro exterior acabaron alagándoo todo. O lago desagua polo leito do río Carracedo e abastécese de catro regatos, Illade e Meidelo, pola beira este, e Carracedo e Maciñeira, pola oeste, ademais de pola choiva. «Marea non hai, pero cando chove moito nótase que sube o nivel», comenta Lorena. Ela escapa, sempre que pode, para percorrer un tramo da Senda da Memoria, aínda que confesa a súa debilidade pola praia, con magníficas condicións para o baño (a calidade da auga está cualificada de excelente) e os deportes náuticos: «Fun das primeiras en ir [desde el 2012], agora xa vai moita xente, case máis de fóra das Pontes que de aquí». Con vento do sur ou suroeste e inestabilidade atmosférica, é posible incluso voar en parapente e aterrar ao pé do lago.

BIODIVERSIDADE

«A biodiversidade é vida», reza un cartel na entrada da Senda da Memoria. Ao final, á altura do quilómetro oito, hai outro indicador: Observatorio ornitolóxico. Alí, entre os xuncos, ao redor de dous pequenos illotes, crían os patos e outras aves acuáticas, que se deixan ver á primeira hora da mañá e cando cae o sol. O paseante móvese entre bidueiros, salgueiros, amieiros e toxos, en chan chairo. «A paisaxe cambiou moito, e para ben», remarca Josefa.

Acelera o paso, xa de volta, fronte a «as naves de Portorroibo», aínda que en realidade non se corresponde co lugar de Portorroibo, onde se erixía a ermida de Santa Eulalia, «que posiblemente fora a máis antiga do municipio», indican desde o Concello. As escavacións arqueolóxicas descubriron unha ara romana baixo o altar da capela, e varios enterramentos e un sartego paleocristiano nos arredores, polo que «seguramente se trataría dun lugar de culto da época romana». Hoxe venérase a memoria.