«A miña mascota é unha galiña e chámase Chicaleta»

YES

ANA GARCIA

Esta galiña come iogur, déixase levar no carriño das bonecas e ata xoga ao pilla-pilla. Aroa e Valeria teñen cans e coellos, pero esta ave é a súa mascota máis especial

05 feb 2020 . Actualizado ás 00:14 h.

Aroa e Valeria teñen cans, coellos e vacas. Pero a súa mascota preferida non é ningún deles. Polo menos desde que a súa avoa chegou un bo día a casa cun agasallo do que non se separaron máis. «Realmente regaláronlla á avoa. Pero Valeria empezou a coller á galiña, e como se deixaba facer de todo, preguntoulle á avoa: ‘Dasma?’», lembra a nai das dúas irmás, Ana Pérez. Desde entón, a galiña e as nenas son inseparables. «Envolvíana nun trapiño levábana en brazos coma se fose un bebé. Collíana na bici e todo», lembra Ana, que di que tiña certo medo a que a ave picase ás nenas, sobre todo a Aroa, que aínda era un bebé. Pero pronto se deu conta de que separalas era misión imposible e de que a galiña se deixaba querer dunha forma completamente inofensiva: «Sempre está quietiña, nin se move. É moi raro, porque escoita ás nenas e queda caladiña». Foron elas quen a bautizaron como Chicaleta, en honra á galiña da Patrulla Canina.

COMPARTEN MERENDA

Aroa, que aos seus tres anos é a benxamina, non destaca polo seu bo dente. Un problema que Chicaleta tamén axuda a solucionar. «A nena non era nada comedora, daquela compartía a súa merenda con ela. A galiña come o iogur na mesa», sinala a nai, que engade que a mascota vive como unha raíña. Ata lle fan a cama. «Téñenlle un berce e todo. É unha caixiña de zapatos cuns manteliños de tea». É frecuente velas con ela no colo, pero tamén xogan a levala en todo tipo de soportes. Sácana a pasear co carriño das bonecas, soben no triciclo e, cando Ana baixa a garda, atópalla tamén dentro de casa. «Hai veces que si que a levan para dentro. Eu sempre lles digo: ‘Non pode estar a galiña aquí’. Pero tráenma xa subida no carrito», asegura resignada.

A ambas lles encantan os animais. Teñen máis galiñas, pero ningunha recibe este trato tan especial. «E que en canto a viron xa a quixeron para elas. Aroa era aínda un bebé, polo que creceu con Chicaleta. E a irmá, que ten sete anos, collíaa no colo e dábanlle bicos e de todo», di Ana, que tres anos despois xa aceptou que en casa son unha máis.

Aroa toma a palabra e descóbrenos todo o que fai coa galiña. E empeza destacando que Chicaleta é realmente presumida. «Mírome con el no espello e ela pícao», conta a nena ríndose. «E que debe de verse reflexada e pensará que ten diante a outra galiña», engade a nai divertida. «O iogur que máis lle gusta é o natural», continúa a pequena, que non se separa dela. «Xogamos moito, a varias cousas, por exemplo ao pilla-pilla». Sobra dicir que é a galiña quen adoita gañar a partida, case tan rápido como se gañou a súa praza nesta familia.