Fátima Branco: «A clave para que unha dieta funcione é evitar o azucre»

YES

VÍTOR MEJUTO

Os quilos de Nadal son doados de perder, pero deberías pórche xa se non queres que vaian parar á reserva. Se o fas ben, en 15 días podes ver resultados

19 ene 2020 . Actualizado ás 22:00 h.

1 Que alimento debería estar prohibido para adelgazar?

Os alimentos procesados e ultraprocesados, todo o que vén en bolsitas, non o fresco, senón o que vén cociñado. Prohibidísimo, tamén, as patacas fritas de bolsa, pizzas elaboradas... É o máis contraproducente se queremos adelgazar polo tipo de graxas que levan, que ademais son de mala calidade, tamén levan azucre e moitos conservantes.

2 E o que axuda a facelo?

Comer en máis cantidade verduras e hortalizas, deberiamos incluílas na comida e na cea. Pola cantidade de fibra, vitaminas e minerais que teñen, ademais de poquísimas calorías, e son moi saciantes.

3 Algunhas mellores que outras?

Non, son todas sas. É certo que algunhas teñen máis calorías que outras, pero xa que imos prescindir doutros alimentos, comer o que che guste e de todo tipo. Canto máis variado, mellor; eu sempre digo: «Busca as cores», se son distintos é por algo, non é o mesmo a cabaza, que a cabaciña... Hai xente que se pon a dieta e come leituga de luns a venres, iso non, non porque che chegue a aburrir, senón porque non é equilibrada. E non só se trata de adelgazar, senón para comer ben.

4Cal é a clave para que unha dieta funcione?

Unha podería ser evitar o azucre. Isto non quere dicir que se non probas o azucre vas adelgazar, pero para adelgazar é fundamental non tomalo. Hai outras cosas pero non inxerir alimentos que levan azucre é unha delas: a bollería, pastelería, sobremesas, galletas... O da froita non é malo, sempre que non nos excedamos, non deberiamos tomar máis de tres pezas ao día. Hai que ter as ideas claras, querer cambiar hábitos e ser constante. Se es constante e prescindes do azucre, xa é moitísimo.

5 Os quilos de Nadal son máis doados de perder?

Claro, pero hai que pórse xa, porque se se deixa, quedan na reserva.

6 Cando ven resultados?

Se un cambia de hábitos nun mes xa se notan, por non dicirche 15 días.

7 Nun mes canto podemos baixar de peso?

Iso depende de como me estea alimentando previamente ao cambio, vin desde 2 a 10 quilos nun mes. Alguén que estea facendo uns excesos terroríficos, non é malo que perda eses 10 quilos, porque se estaba pasando unha chea. Depende do punto de partida. A media, o que se recomenda para que sexa unha perda de peso efectiva e duradeira, está entre 2 e 4 quilos.

8 A partir dunha idade custa máis perder quilos?

Cada ano que pasa, o noso metabolismo baixa, necesitamos menos calorías, e deberiamos inxerir menos que o ano anterior, por iso é máis difícil. A partir dos 40 anos adoita custar máis.

9 Que é o que máis se nos resiste de todo?

As ceas. Non apetece cociñar, e comes todo o que non hai que preparar, que adoita ser fiambre, queixo, sobras con pouquiño de fiambre, galletas, un colacao... Creo que co cansazo de todo o día, cando deitas aos nenos, dis: «Agora voume a pór a facer un wok de verduras?». O almorzo e a comida máis ou menos, pero a tarde-noite custa.