ELA PEDRESA GALICIA NO TEMPO e pona ao alcance da túa man. Mariángel Leal levou a arte da Galería Terra Branca de Ribadeo a Mallorca. «Teño as cores do Mediterráneo e o intimismo galego», asegura a artista.
02 sep 2017 . Actualizado á 05:05 h.«Pintar é só outra forma de escribir un diario». As palabras de Pablo Picasso chegaron ata as mans de Mariángel Leal. Unhas mans que, cheas de esforzo e constancia, atoparon o seu sitio desde moi pequeniña e non deixaron de aprender.
Esta pintora barcelonesa con sangue galego -o seu pai é de Lugo e isto fíxolle ter un vínculo especial con Galicia- vai enchendo de cor as páxinas que forman e ordenan a súa día a día. Se moitos escritores deixan pegada é porque as palabras sempre permanecen vivas, así que ela llo tomou ao pé e non da letra, senón da cor. Xa de nena xogaba con pinturas -o seu avó, o seu bisavó e os seus primos eran pintores- e todos os seus pasos están marcados e manchados de cor, de alegría, de emoción. «Eu non deixei nunca a pintura. Con 13 ou 14 anos empecei na academia do Mestre Tárrega e despois xa pasei por Belas Artes en Barcelona», explica. Hoxe, algunhas das súas obras de arte están ao alcance da túa man. Mariángel pedresa Galicia no tempo e converteu paisaxes como o da praia dAs Catedrais nun reloxo de pulseira.
Os reloxos que deseña son edición limitada. «Reproducímolos segundo a obra pero ten que poder plasmarse nese soporte», explica Mariángel Leal, que, ante o éxito da Galería Terra Branca en Ribadeo, que leva o seu irmán José Ramón, decidiu abrir unha en Ses Salines (Mallorca).
A súa relación con Galicia é permanente. «Todo galego garda un indiano no seu interior, por iso decidín facer unha exposición das Casas Indianas de Ribadeo. A cultura galega marcoume moito. Teño as cores do Mediterráneo -a luz e o ton- e ese intimismo galego», asegura.
A súa especialidade é a pintura ao óleo ao redor da comunicación: «Despois de Belas Artes, estudei Traballo Social e centreime moito en facer arteterapia», explica. Ela vive no campo, ten o seu estudo nun muíño e dá clases de pintura, ademais de axudar a descubrir nela unha forma de expresarse e abrirse ao mundo. A inspiración, apunta Mariángel, está nas pequenas cousas da vida, pero «hai algo que sempre levamos connosco vaiamos onde vaiamos». E iso, no seu caso, é Galicia.