Lánzate á piscina

Noelia Silvosa / Ángela Barros / Tania Taboada

YES

MARCOS CANOSA

VAIA, VAIA... Aquí non hai praia, pero tampouco parecen botala moito de menos. Vente ás mellores piscinas de Galicia. Aquaparks, tobogáns, piscinas con castelos e ata algunhas a pé de areal atopámonos con só botar unha ollada. Isto si que é un lujazo.

19 ago 2017 . Actualizado á 00:00 h.

Non todo ía ser praia este verán. Que si, que a area fina e o mar turquesa están moi ben, pero tamén teñen os seus inconvenientes. Que se hoxe hai bandeira vermella, que se hai ondas, que se queima a area, que se me pican as cunchas... Por non falar do tremendo kit infantil. A antuca, a neverita coa auga, a neverita coa froita, a bolsa da merenda e a crema por unha banda. Polo outro -o outro ombro, quero dicir- toca soportar a carga do cubo, do anciño, das pas, das cadeiras. E todo iso sen perder o equilibrio co trueiro entre os dedos da man que queda máis liberada.

Pero, e se imos a un sitio con tumbonas no que se entretivesen os nenos sós mentres ti che dás un baño relaxante sen pelar de frío no intento? Si, que nos imos de piscinas. E empezamos polo sur. Samil é moito Samil. Xa che contamos en YES que é a praia máis divertida de Galicia, pero agora podemos dicir o mesmo do seu paseo marítimo. A un areal cheo de ambiente e con mil actividades deportivas e de lecer para pasar o intre, súmanselle unhas piscinas de primeira. Así, como quen non quere a cousa, un atópallas practicamente a pé de praia. E claro, os turistas alucinan. Este é o caso de Edurne e os seus dous nenos, Irene e Álvaro, que posan para a foto de portada con esa cara de felicidade que non se pode finxir. Aí telos, cos dentes ao aire e uns ollos que se comen a cámara para que a foto acabe pronto e poidan volver tirarse en bomba, que é ao que estaban cando lles interrompemos.

SAMIL, VIGO

MARCOS CANOSA

Recentemente chegados de Pamplona, a súa sorpresa foi maiúscula cando se atoparon con piscinas no mesmísimo paseo marítimo. «Eu quería aproveitar para estar na praia e conseguín que baixasen un intre, pero Álvaro achegouse ao mar, viu algas e dixo: ‘Non, non, preferimos as piscinas'. E xa me tiven que volver subir con eles», conta entre resignada e divertida a súa nai, á que as piscinas tamén lle conquistaron. «É un luxo telas ao lado da praia porque aos nenos lles encantan e, ademais, están moi ben coidadas e teñen unha contorna preciosa. Chegamos a elas e xa nos quedamos», conta Edurne, que en realidade hospedábase en Sanxenxo e ese día foi coa familia para comer a Pontevedra, pero chegados a Samil xa non se moveron máis. «Como vimos as piscinas, quedamos o resto do día», sinala. E a xulgar polas caras dos seus fillos, foi unha boa decisión.

Como ela, son moitos os que se animan a aproveitar este lujazo de auga doce. A súa piscina, como podes ver na foto, é a que ten unha reprodución da ponte de Rande, que a cruza de lado a lado. Outra forma de facer turismo, pero moito máis divertida para Álvaro e Irene que ir ao de verdade. Onde vai parar... Pero hai outras dúas, e nunha delas atopámonos con Noa. Así a pillamos, antes morta que sinxela, coas lentes de mergullar nun ton fucsia perfectamente igual ao do seu bikini, coma se soubese que ía converterse en protagonista desta reportaxe.

«VIMOS SEMPRE»

Nacho, o seu pai, cóntanos que leva gozando dela desde ben pequeniña: «Vén desde sempre, porque lle encanta bañarse no mar e na piscina no mesmo sitio». E a quen non, estarás a pensar. Eles, que son de Vigo, si que llas coñecen á perfección. Tanto que xa quedan directamente por piscinas. «Cando quedamos con outros nenos do cole sempre vimos a esta, que forma un oito coa de ao lado e está na mellor zona para atoparse», comenta Nacho, que engade que se algo lle gusta a Noa, á parte de xogar e mergullar, é que a auga non está tan frita como a do mar. Xa fixemos a nosa ruta de cala en cala por Galicia adiante, pero en Samil un pode tirarse de piscina en piscina no mesmo paseo marítimo. Quen dá máis? Pois non se nos ocorre ninguén... Pero seguimos en busca doutras piscinas espectaculares.

CERCEDA, A CORUÑA

Ana Garcia

A piscina é a clave se falamos en termos areosos. Os pés non nos levan polo camiño da amargura ata chegar á auga, senón que aquí a cousa é máis doce. O salgado, cos seus puntos de risco, non é agora un problema, así que non hai que preocuparse. «Estamos máis tranquilos e temos aos nenos máis controlados que no mar», conta Cristina, mamá de Sabela e Icia, as dúas xemelgas que ten no colo, e Celtia, no medio, que xa ten o regustillo de volver cada vez que marchan.

 Pillámolos máis contentos que Pedro pola súa casa en pleno mergullo intenso. O Aquapark de Cerceda na Coruña é o protagonista. E eles. Non quitemos méritos. «Os nenos non paran, pásanse horas e horas na auga, gozan moito máis», detalla. E aínda que aquí os vexamos pegaditos, eles sóltanse enseguida: «Divírtense unha chea nas zonas infantís, nos tobogáns, na piscina de ondas...», explica. Na variedade está o gusto e eles teñen onde elixir. «Pasamos alí todo o día e vimos con todo o necesario. Traemos comida de casa pero, ás veces, compénsanos o chiringuito», argumenta Cristina, que engade que os bocadillos veñen ben cargaditos. E se a fame aperta no medio da faena «aproveitamos e volvemos», conta entre risos.

 «A CORRER E A MOLLARSE»

Iso si. Isto é cousa galega. Vemos un raio de sol e, de bomba ou de cabeza, lanzámonos. «Vimos tantas veces que xa controlo. As fins de semana xa sabemos que vai haber máis xente, pero entre semana é un gusto», aclara.

E non nos esquezamos de Pedro e Marga, que veñen desde Guadalaxara a gozar da auga cos seus nenos: Judith e Yago. «O pequeno -conta Cristina- xa se atreve con algún dos tobogáns, e xa se falamos da piscina de ondas, que llo digan a Judith, que non sae de alí». Será que parece que a auga está mais calentita... pero son eles que llo pasan pipa [sen pisar nin un momento a toalla] e iso o corpo sábeo. Non hai máis que velos.

VILALBA, LUGO

ÓSCAR CELA

En pleno corazón da comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo, atópase unha das piscinas máis visitadas por xente de diferentes zonas de Galicia. Trátase da área  recreativa e o paseo fluvial da Magdalena, en Vilalba. «Encántanos vir a estas piscinas porque son moi tranquilas e están moi limpas», conta Antonio, residente en Betanzos e pai de familia ao que pillamos pasando a tarde cos seus fillos nas instalacións. Directos ao splashhhhhhhh.

Como especial atractivo destas piscinas, destaca un castelo do que se saen varios tobogáns. Son precisamente estes os máis desexados polo público infantil (e non tan infantil) para acceder á auga e darse un refrescante mergullo. «Vivimos en Ferrol e sempre que podemos vimos aquí a pasar a tarde. Preferimos as piscinas de Vilalba ás de Cerceda, as últimas están moi masificadas», indica unha mamá mentres goza coas súas fillas na piscina. «O que máis nos gusta é tirarnos polo tobogán. É moi divertido», din convencidas Uxía, Xiana e Claudia, as tres nenas da imaxe que o pasaban pipa nas instalacións da área  recreativa da Magdalena.

MOITO AMBIENTE, CERO ABAFOS

Cando o tempo permite, son moitos os que elixen esta opción para refrescarse, con diferentes espazos para pasar as horas de lecer. A pesar de haber moito ambiente, a sensación non é atafegante. «Non tes os pés doutra persoa case pegados aos teus e podes moverche sen problema ao redor das toallas», afirma Conchi, unha asidua deste lugar.

Varios tobogáns, un conxunto de piscinas para diferentes idades e un espazo para os que prefiren combater a calor debaixo da sombra dan a razón á súa popularidade.

COMPLEXO DE MONTERREI, OURENSE

MIGUEL VILLAR

As piscinas de Monterrrei, no concello de Pereiro de Aguiar, son unhas das preferidas para os ourensáns. Abren a las12.00 e non pechan ata as 21.00 horas. Os menores de 18 anos deben pagar 1,30 euros para entrar; o resto, 2,30 euros. Hai bonos de desconto.

RIBADEO, LUGO

O FARERO

En xullo abriu o primeiro parque acuático inchable de Ribadeo, o único das súas características en Galicia instalado nunha ría. Preto da praia de Vos Bloques, conta con socorrista e monitor. O seu horario depende das mareas, e os menores de 6 anos deben ir acompañados dun adulto.

CULLEREDO, A CORUÑA

ANGEL MANSO

O único que pode fallar nun día Splash é o tempo. Tobogáns inchables, auga limpa e socorristas están entre os atractivos deste parque que abre de 11.00 a 20.00 horas e que moitos, sobre todo peques, prefiren á praia.

ANTAS DE ULLA, LUGO

Non dispoñible

As piscinas municipais de Antas de Ulla están entre as que teñen máis tirón para o mergullo en Galicia. Este pequeno parque acuático que abre de 12.00 a 14.00 e de 15.30 a 21 horas, ten tres tobogáns ?dous con xiro? e varias piscinas, entre elas unha de hidromasaxe.