O Circo do Nadal de Vigo atrasa o seu arranque unha semana e alude ao temporal pasado como causa

La Voz VIGO

VIGO CIUDAD

A organización asegura que devolverá o prezo das entradas adquiridas de forma automática

01 dic 2025 . Actualizado á 12:30 h.

O Circo de Nadal de Coia, unha das apostas do Nadal de Vigo para seguir descentralizando as festas, non abrirá ata o vindeiro venres 5 de decembro, aínda que a súa previsión era facelo o venres 28 de novembro e ofrecía entradas para esas datas. Segundo fontes municipais desde a organización apuntan ao pasado temporal que azoutou a cidade para mediados de novembro como motivo do atraso na montaxe da carpa, situada na Avenida de Castelao. Debido a ese cambio de plans, finalmente non puideron ofrecer as súas primeiras sesións esta pasada fin de semana, o primeiro do abarrote do Nadal polo Black Friday e a ponte portuguesa. 

Todas as persoas que adquiriron entradas para ir nesta primeira semana de posta en marcha recibirán a devolución do seu diñeiro polo mesmo método de pago, segundo informan na súa páxina web e nas súas redes. A nova previsión de inicio é este venres 5 de decembro, xusto a tempo para a ponte da Inmaculada, que ofrecerá tres días libres en España. A previsión é que acudan á cidade miles de visitantes de novo. 

As entradas están á venda na web do circo e no despacho de billetes e os prezos arrincan desde 9.60 euros nas zonas laterais e roldar os 20 para os máis próximos ao escenario. En entradas adquiridas antes do venres hai un 20% de desconto.

Na mesma avenida de Castelao, desde onde se prevé que saia a Cabalgata de Reis o próximo 5 de xaneiro se non chove, tamén hai ouna exposición de dinosauros cuxa venda de entradas está dispoñible a partir do 5 de decembro. Abrirá de venres a domingo e o luns 8 festivo ata as vacacións escolares. A partir do 22 abrirá todos os días menos o 24, 25 e 31 de decembro e do 5 ao 8 de xaneiro. A mostra permanecerá aberta ata o 11 de xaneiro. A exposición acolle unha trintena de figuras animatrónicas de dinosauros e os prezos roldan os 10 euros por adulto e 8 por neno. 

Na nosa Guía do Nadal de Vigo contámosche outras propostas de lecer e o mellor percorrido para coñecer as luces.