
Vigo debe dispor dun plan contra temperaturas extremas
05 oct 2025 . Actualizado á 19:29 h.Estes días practicamente todos os medios de comunicación da cidade fixéronse eco das altas temperaturas coas que chegamos a outubro. O dato transmitíase como unha excelente noticia animando a cidadanía e visitantes a gozar deste feliz calorcito. En paralelo, era tamén noticia a preocupante situación dos encoros e a seca que se transmitía como unha seria ameaza. Non parece que nos parásemos moito a pensar que se trata dunha relación causa efecto e, sobre todo, que ambas as cousas son preocupantes aínda que a primeira non o pareza. Non é boa noticia que teñamos estas temperaturas nesta época do ano e, desde un punto de vista climático, o mal tempo é que non chova cunhas consecuencias das que a seca é apenas a punta dun iceberg… que se derrete.
Por todo isto lembramos que en xullo do ano pasado Greenpeace publicaba un informe titulado Adaptación das cidades á calor extrema e protección fronte aos impactos na saúde. O estudo constaba dunha análise da situación en quince cidades españolas, entre elas Vigo, e unhas previsións preocupantes. As ondas de calor extrema irán incrementando a súa duración ata durar entre 32 e 63 días. Son moitos máis que no 2005, cando se estendían durante quince. No mellor dos escenarios posibles, a duración das ondas de calor duplícase. O mesmo está previsto para as noites tropicais e tórridas cara a 2100.
Tomando como referencia estes días, hai quen podería pensar: «Máis días de sol e praia onde está o problema? Viva o cambio climático!». As secas, os incendios cada vez máis voraces, a perda de biodiversidade ou a alteración dos procesos ecolóxicos esenciais son parte das consecuencias que xa estamos a vivir, pero fálase pouco do impacto das altas temperaturas na saúde da cidadanía ao ser as cidades un amplificador das ondas de calor. Un exemplo: no ano 2020 faleceron por efectos derivados das ondas de calor 52 persoas na contorna das Rías Baixas. Este ano, a principios de setembro, xa faleceran 150 persoas. No último lustro, foron máis de 600. Os falecementos son o efecto máis extremo, pero existen outras consecuencias como doenzas que se agudizan, padecidas principalmente por mulleres. Ademais, patoloxías como diabetes, hipertensión, asma ou insuficiencias renais agrávanse coas altas temperaturas.
A organización ambiental avaliaba Vigo no mesmo informe e chegaba á conclusión de que «o plan de acción da axenda urbana do Concello de obtén unha das peores valoracións na análise comparativa realizada entre quince cidades españolas». É dicir, non existe unha proposta de adaptación a eventos extremos de calor como tal.
Entre os obxectivos estratéxicos da axenda urbana dedicada ao cambio climático, inclúese unha listaxe de accións, sen descrición, nin obxectivos a acadar, nin os prazos para levalas a cabo. Entre as medidas inclúe solucións baseadas na natureza incorporadas ao deseño urbano, fachadas e azoteas verdes, aumento da permeabilidade de pavimentos ou a renaturalización da zona litoral, aínda que non se especifican obxectivos nin zonas de actuación.
Inclúese a habilitación de refuxios climáticos pero sen data de implementación. Faltan estudos de vulnerabilidade con criterios socioeconómicos e mapas de illa de calor urbana para poder identificar as zonas onde se atopa a poboación máis vulnerable e priorizar as medidas nas mesmas. Tampouco se inclúen medidas sociais dirixidas a reducir a vulnerabilidade e a desigualdade na capacidade de adaptación á calor. Nin se inclúen sistemas de alerta temperá. Resulta extemporáneo falar disto un 5 de outubro, cando o normal sería tratalo a principios de verán, pero a emerxencia climática hanos desestacionalizado a calor. Vigo non está ben preparada para soportar unhas ondas de calor que segundo todos os indicadores serán cada vez máis intensas e prolongadas e que non soamente representan un serio problema ecolóxico senón unha ameaza para a nosa saúde. A boa noticia é que existen, como veremos, moitas actuacións que poden axudar a mitigar esta situación.