Luca Chao: «En Marea, tal e como naceu en Vigo, fracasou, ou, máis ben, fixérona fracasar»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

A deputada de En Marea e membro de Podemos Galicia defende que os críticos deixaran a dirección de Villares para non formar parte «dunha farsa política»

21 ene 2019 . Actualizado ás 12:29 h.

Sempre se situou no sector crítico de En Marea, pero máis agora, cando Luca Chao forma parte da dirección de Podemos Galicia que lidera Gómez-Reino, que nin recoñece o resultado das primarias nin se sinte representado pola coordinadora de Villares.

-Ten que dimitir Villares?

-Luís Villares debería reflexionar respecto das consecuencias de todos os desatinos que se produciron en En Marea neste tempo; en todo caso, é unha decisión individual. Pola nosa parte toca mirar adiante e resolver todos estes desatinos dos que a coordinadora de Villares foi responsable.

-Cre que vai romper o grupo parlamentario?

-Non, neste momento o que toca é reflexionar sobre como seriamos máis leais aos votantes que depositaron a súa confianza en En Marea.

-Por que din os críticos que a coordinadora non representa a pluralidade do espazo cando eles marcharon da dirección?

-Os perfís das persoas que ían acompañando a Villares na coordinadora son públicos, todas e todos sabemos de onde veñen; a maioría, dunha tradición política que nós entendemos minoritaria, do nacionalismo máis conservador. Hai un momento no que tes que decidir se formas parte dunha farsa política ou actúas en consecuencia co que cres que está a ser unha usurpación da democracia. Cando participabamos nun órgano que entendemos que vulneraba todos os acordos fundacionais de En Marea, optamos pola retirada, para non darlle visos de lexitimidade a un órgano que, ao noso entender, non a tiña.

-A coordinadora forma parte dese nacionalismo conservador?

-Si, penso que se sentirían cómodos nun proxecto estilo Compromiso por Galicia 2.0, que é lexítimo, pero non é o que nós entendemos como válido para chegar ás maiorías sociais deste país, que é para o que, en teoría, viñemos á política.

-Pensa que houbo irregularidades nas primarias?

-Penso que non se pode entender como se substituíu un proceso que gozaba de todas as garantías por outro que non as tiña. Se temos en conta todas as irregularidades que nos levaron á elección do consello das mareas, coa suspensión dos compañeiros do comité electoral, co cambio de data, e un e outro desatino, e a iso lle sumamos o resultado da peritaxe, por suposto, ten que ser o xulgado o que dea unha resposta. De feito, creo que agora só teñen que falar os xulgados, politicamente temos que avanzar noutra dirección. Foi unha decepción, pero a responsabilidade é de quen paralizou unhas eleccións que eles mesmos daban por perdidas.

-Como irá Podemos as municipais? En coalición?

-Podemos Galicia apostou sempre pola unidade popular. No 2017 fixemos unha consulta nos concellos respecto de cal sería a fórmula coa que acudir as eleccións municipais e o que acordaron as inscritas foi, maioritariamente, que apostaramos pola unidade e polas fórmulas de coalición. Defendemos a autonomía local e entendemos que non hai unha única fórmula válida para todo o país, senón que en cada municipio terán que escoller a máis axeitada.

-En Marea non volverá ser o mesmo?

-Non, imposible. Evidenciouse que En Marea, tal e como naceu en Vigo fracasou; máis ben, fixérona fracasar, e toca repensar como ten que ser o espazo de unidade popular. Nós seguimos crendo na unidade popular pero ten que funcionar doutro xeito.