Morre un home de 76 anos ao quedar atrapado debaixo do tractor cando rozaba unha leira en Tui

E. V. Pita VIGO / LA VOZ

TUI

Pita

A esposa saíu a buscalo e con axuda dun veciño descubriu o cadáver baixo o vehículo agrícola

26 abr 2025 . Actualizado á 03:28 h.

Un home de 76 anos, A.F.F., morreu onte á noite ao quedar atrapado debaixo do tractor que manexaba na súa leira en Vos Gaios, en Caldelas de Tui, en Tui. O accidente foi a última hora do tarde pero a esposa e un veciño descubriron o cadáver pasadas as dez e cuarto da noite do xoves. 

O agricultor saíu ás oito e media da tarde de casa e díxolle á súa muller que lle daba tempo a rozar unha leira. Unha vez alí fixo unha manobra errada co tractor e envorcou por un terraplén e quedou atrapado baixo o vehículo. Pasado un tempo, a esposa botouno en falta e foi á leira pero só viu o tractor envorcado. Máis tarde, con axuda dun veciño acharon o corpo.

O 112 mobilizou aos equipos de rescate e, cando chegaron os sanitarios do 061, o home xa estaba falecido.

Os Bombeiros do Porriño liberaron o cadáver de debaixo do vehículo agrícola usando uns gatos hidráulicos para levantar a carrocería. Os sanitarios nada puideron facer por reanimalo. 

No operativo participaron, ademais dos servizos sanitarios e os bombeiros, a Garda Civil, a Policía Local e os voluntarios de Protección Civil de Tui.