Tomiño enquisa aos veciños polas pragas de moscas: «Deixaría de abonar vos cultivos?»

La Voz TOMIÑO / LA VOZ

TOMIÑO

Bandallo

O Concello busca «coñecer mellor o problema» que levan sufrindo desde hai anos

06 nov 2025 . Actualizado á 01:01 h.

Hai un mes os veciños de Carregal (Tomiño) concentráronse para esixir solucións ás continuas pragas de moscas que sofren desde hai uns anos. Aquela semana, Avelina, unha veciña de Amorín, mostraba a La Voz o alcance da expansión do insecto. «Isto é terrible. Matas unha e veñen tres ao enterro», dicía. No teito, nas paredes, nas fiestras había grupos e grupos de moscas. O problema non desapareceu. Onte, o Concello de Tomiño lanzaba unha enquisa entre os veciños para tratar «de coñecer mellor o problema das moscas en Tomiño». Buscan pescudar o alcance do problema e tamén sumar máis datos aos estudos que se fixeron durante estes anos.

O cuestionario incide en que «un dos motivos responsables das proliferacións de moscas no noso Concello son as prácticas inadecuadas de abonado» e aproveita para preguntar aos veciños se estarían dispostos a cambiar o tipo de abonos que usan, a deixar de abonar as súas terras.

Outra das preguntas apunta a outro dos motivos destas pragas: «Os estudos sinalan que outro dos motivos responsables das proliferacións de moscas é a falta de depredadores de insectos, pola deforestación», indican. Neste apartado, o Concello pregúntalle aos veciños se poderían colocar nas súas leiras máis árbores, arbustos ou casas para paxaros.

A enquisa, na que tamén participa o Grupo Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo, forma parte da mesa de traballo impulsada polo Concello para a convivencia entre os veciños e as empresas. A problemática das moscas leva todo o ano sendo o tema central destes grupos de traballo.

O informe emitido polos expertos da UVigo concluíu en 2024 en que «a perda da vexetación nativa e a expansión dos cultivos incrementa a problemática do estercado e constitúe unha das causas máis probables dos desequilibrios ecolóxicos que se observan en Tomiño».