As moscas fan a vida «imposible» aos veciños de Tomiño

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez TOMIÑO / LA VOZ

TOMIÑO

A parroquia de Amorín leva máis dun mes lidando cunha «invasión»

30 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

«Isto é terrible. Matas unha e veñen tres ao enterro», di Avelina, unha veciña de Amorín (Tomiño). A súa casa leva asediada polas moscas máis dun mes. «Comezaron a chegar a mediados de agosto, polas festas da parroquia, e aínda seguen invadindo todo», continúa. Levan xa cinco anos sufrindo infestan intermitentes, pero a deste ano «é a peor», continúa. Mentres fala hai no teito e na mesa varios destes insectos ao seu ao redor «e iso que teño todo pechado», explica. As moscas aproveitan para entrar cando se abre unha fiestra ou unha porta. «Mira como están os baixos das ventás», indica. «Hai decenas de moscas».

Avelina erixiu unha serie de barreiras para protexer a súa casa dos insectos, pero resultan ineficientes. Ten cinco tiras atrapamoscas repartidas e todas están repletas. «Teño que cambialas cada moi pouco», explica. A veciña de Tomiño tamén colocou unha lámpada eléctrica antiinsectos que tiña no bar que rexentou durante unha boa parte da súa vida. «Non é suficiente», insiste. Cada pouco, Avelina asperxe con insecticida aos insectos. «Sabes canto me dura? Un día», continúa.

«É asqueroso todo», insiste Avelina. Ela leva toda unha vida vivindo en Amorín e non lembra «nada igual». Tampouco nos últimos anos. «Lembro unha vez que un día, de súpeto, apareceu unha nube de moscas, pero o deste ano é peor. Levamos máis dun mes sufrindo aos bichos todo o día», insiste. As moscas que asedian a súa casa «son pequenas e cando as matas manchan de sangue», explica. «Non nos dan a solución. Tampouco sei cal é nin por que pasa todo isto, pero isto é terrible», insiste Avelina.

As moscas convertéronse no principal problema de gran parte dos veciños de Amorín. No supermercado Autoservizo Quinteiro os rolos atrapamoscas véndense a pares. «Vendemos varios cada día. Nunca vin nada igual», explica Julia Quinteiro. Os insectos tamén se coan no seu pequeno local engadindo a súa eliminación nas súas tarefas diarias. Ten tres tiras colocadas na tenda que xa están completas con centenares de moscas. «Estamos desesperados», insiste.

Julia contrata a unha muller para que lle axude a limpar habitualmente, pero agora unha tense que afanar en matar e retirar moscas. O seu teléfono móbil está farto de imaxes e vídeos da praga de insectos. «Enchemos os recolledores con elas», indica. Nalgunhas das fotos hai centos de moscas acumuladas a varrer no chan. «Non se aguanta aquí», continúa Julia, que explica que hai varios clientes que se expoñen vender a casa se a situación non mellora. A dona do autoservizo relata que a praga de insectos tamén a obrigou a respirar entre insecticidas. «O outro día sangrábame o nariz de respirar iso», relata. Tamén sufriu un pequeno accidente tratando de eliminar ás moscas que se situaban a grande altura. «Caín da cadeira e din un bo golpe», explica. Como tantos outros veciños de Tomiño, Julia tamén está a pensar en facer varios investimentos para protexerse da praga de moscas. «O primeiro sería mercar unha mosquiteira», di desde a súa tenda.

O mes pasado os veciños de Forcadela tamén denunciaron que a praga de moscas impedíalles facer a súa vida con normalidade. Ana Belén Rodríguez, a propietaria do bar A Adega Os Rodríguez, viuse obrigada a reducir a súa xornada laboral pola magnitude da praga. «Ao desprazarte, había tantas que as podías agarrar coa man, incluso as ías pisando ao camiñar. O teito do meu establecemento é branco e estaba todo negro», declaraba a La Voz.

O Concello de Tomiño atribuíu ese episodio a uns depósitos de abono que localizou a Policía Local nunhas parcelas de cultivo. O goberno local tamén indicaba que remitiu á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia a acta de inspección elaborada pola Policía Tolal, solicitando «a adopción inmediata das medidas de inspección e control necesarias para poñer fin a esta situación e evitar a súa repetición no futuro». Máis dun mes despois daquel episodio, os veciños de Amorín non coñecen cal é a orixe da praga que sofren desde fai máis dun mes.

«Levamos sufrindo isto durante cinco anos e aínda non hai solución», insiste Julia Quinteiro, que lembra que os veciños están cansos e fartos de loitar contra o insecto. «A verdade é que todo isto é un horror», conclúe Avelina.

Unha concentración para esixir unha solución en Carregal

A asociación de veciños de Carregal, barrio que pertence Amorín, convocaron este domingo 5 de outubro unha manifestación baixo o lema «Non máis moscas. Si a solución». A concentración comezará ás 11.00 horas no recinto de festas de Carregal.

Desde a asociación insisten en que «non buscamos culpables. Simplemente solucións». Os veciños indican que «despois de varios anos sufrindo nas nosas carnes as pragas de moscas, cremos que chegou o momento de unirse e levar a cabo as accións pertinentes para que ás administracións busquen unha solución a este problema», indican. Durante a concentración, os veciños tamén lerán un manifesto con todas as súas reivindicacións. «Tes moscas? Únete», insisten.