Adeus a «Chola», a muller que tinguiu de flores as alfombras de Ponteareas
PONTEAREAS
A vila do Corpus despide a unha muller que era a «alma» do portal das de Carrera
23 dic 2025 . Actualizado á 16:44 h.Áurea Costa, «Chola» para os seus amigos de Ponteareas, era a «alma» do portal das de Carrera, un dos puntos neurálxicos das festas do Corpus no municipio das flores. «Era un referente para todos nós. Desde que se abría o portal para empezar a preparar o material ata que se acababa a alfombra a madrugada do domingo de Corpus sempre estaba alí. Hoxe perdemos a unha muller que nos parecía inmortal», explica Miguel Ángel Garcia, presidente dos alfombristas de Ponteareas.
Chola foise onte aos 92 anos de idade, deixando unha flor nos corazóns dos seus compañeiros. «Era das primeiras en chegar e das últimas en marchar, unha vez acabado o traballo lémbroa co gancho na man a última hora dando voltas ao verde para que non se estragase», lembra Garcia. Levaba traballando con flores toda a súa vida. Empezou aos cinco anos axudando nunha alfombra e nunca o deixou. Namorouse do Corpus e da súa tradición. O presidente dos alfombristas lembra a ocasión na que contratou unha viaxe sen darse conta de que coincidía coa festa grande de Ponteareas. Inmediatamente, «volveu á axencia para anulalo», lembra Garcia con cariño.
«Hoxe habemos perdidos unha alfombrista que nos parecía inmortal e que deixou pegada. Cada ano no portal sairá o seu nome e as súas anécdotas. Botarémoslle en falta», continúa Garcia. Na última reunión da asociación co Concello fixéronlle unha proposta para que a homenaxeasen o ano que vén. «Todos estivemos de acordo», conta Chola era un referente para todos. A asociación está hoxe de loito para despedir a unha muller que faleceu o sábado. O funeral será o luns ás 19.30 horas na igrexa de San Miguel de Ponteareas.