Mañá haberá unha palestra sobre Ramón Otero Pedrayo
13 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Todos os venres do presente mes, os cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa, en Nigrán, acollerán diversos actos conmemorativos da creación da Editorial Galaxia hai 75 anos. «Nigrán foi o lugar elixido para vivir por parte dalgúns dos seus membros máis destacados, por iso queríamos render homenaxe a unha editorial que é símbolo vivo da nosa cultura», xustificou esta celebración Juan González, alcalde de Nigrán.
As tres figuras con maior vinculación co Concello de Nigrán foron Carlos Casares, a poeta Xohana Torres e Francisco Fernández del Riego, o gran traballador desta empresa e quen doou parte da súa biblioteca a Nigrán, sen esquecer que hai máis autores vinculados ao municipio e á editorial, tal como subliñou o alcalde Juan González.
A xornada de mañá estará dedicada a Ramón Otero Pedrayo. Haberá unha palestra protagonizada pola profesora e investigadora Patricia Arias Chachero e, como todas estas citas, será nos cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa ás 19.30 horas. O venres 21 estará dedicado a Francisco Fernández del Riego e o 28 a Carlos Casares, ambos autores estiveron afincados no municipio e son os protagonistas dunha mostra ao respecto no exterior destas instalacións.