Samuel Merino, poeta: «Gústame recitar entre a xente, mirala aos ollos e collela da man»
			MOS
	
											O escritor de Mos gaña o Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica de Ámbito Cultural de El Corte Inglés
08 oct 2025 . Actualizado á 01:33 h.O poeta Samuel Merino (Mos, 1982) é o gañador da sétima edición do Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, certame no que participaron máis de 500 poetas de toda España. O escritor recibirá 1.881 euros, unha cifra en homenaxe ao ano de nacemento do poeta español e Nobel de Literatura Juan Ramón Jiménez. Ademais, Samuel Merino recitará o venres no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza nunha gala xunto con outros representantes culturais.
—Este é un certame singular. Como foi o proceso?
—Houbo unha primeira selección de poema escrito, para seguir o proceso cun vídeo nas redes sociais. Despois dividiron por zonas aos clasificados e se fixeron semifinais presenciais, no meu caso, foi en Santiago. Os gañadores destas semifinais reunímonos na final de Madrid.
—Aí móvese ben porque é vostede un poeta de directo.
—Si, son poeta de escena. Eu empecei no teatro e acostumeime antes ao escenario que á pantalla do ordenador. Nun momento confluíron ambas partes e agora está dando resultados.
— A poesía en directo pode chegar ser un espectáculo como os de teatro ou de música?
— Si. Unha boa proposta escénica completa, como a que fai Cintaadhesiva, non ten moita diferenza cun concerto, aínda que si é certo que hai códigos diferentes, pero cada vez estamos chegando a un punto na escena que creo que é interesante, no que as etiquetas vanse diluíndo. De feito, hoxe en día, o teatro posdramático chámaselle tamén poema escénico.
—Cal foi a súa proposta neste certame?
—Na semifinal de Santiago levei acompañamento de vídeo, un vídeo mudo sobre o que eu recitaba en directo. Para a final de Madrid xa non levei nada máis que a miña voz, por momentos cantada en noutros recitada, e o movemento no espazo. Recitei entre o público, porque achegarme ao público é o que máis me gusta. Gústame recitar entre a xente e mirala aos ollos e collelos da man. Foi unha proposta de poesía oral moi espida.
—Como chegou á poesía?
— Como lector foi a través dun libro de Pedro Salinas. Despois chegaron outros, como Leopoldo María Panero, que é dos que máis me gustan. Traballando nana Sala Ingrávida de O Porriño coñecín dende dentro como se traballa nun teatro. E puiden unificar a escena e a poesía tras coñecer a Silvia Penas. Cintaadhesiva impactoume moito.
—Como é a súa poesía?
—É unha poesía reflexiva, fonda e que da para pensar. Apelo a algo moi fondo das persoas, tan fondo como é a intimidade ou as grandes cuestións da vida, aínda que tamén móvome por lugares non tan universais. Nese sentido, é reflexiva porque volve moito sobre min mesmo. Despois está a miña formación filosófica; penso que algo de pouso tamén me deixou. Non son poemas fondamente filosóficos, pero si dan para pensar.
—Que ten previsto recitar o venres no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza?
—Teño pensado recitar en galego. Cando foi o recital da final tamén recitei algo en galego e cantei en galego. Van ser poemas de Manual de camuflaxe, o meu último libro editado por Xerais.
—O seu último libro, «Manuel de camuflaxe», premio Manuel Lueiro Rey, supuxo un salto cualitativo na súa traxectoria?
—Eu estou comprobando que todos os momentos son iguais de importantes. Foi importante cando saquei o meu primeiro libro autoeditado, como tamén o foi ao chegar a editoriais como Galaxia ou Xerais. Ao final, dáste de conta que todos os momentos son importantes e ao mesmo tempo ningún o é. Axúdante a facer camiño e a seguir.