Prenden lume á fogueira central da noite de San Xoán en Moaña

La Voz VIGO

MOAÑA

Xoán Carlos Gil

O lume rexistrouse as cinco da mañá e os bombeiros traballaron ata as once da mañá do sábado

22 jun 2024 . Actualizado á 18:01 h.

Parte da fogueira central da noite de San Xoán en Moaña ardeu antes de tempo. A Policía Local de Moaña investiga o incendio de centos de quilos de materiais que estaban almacenados en Samertolaméu. Sobre as cinco da mañá, avisáronlles de que plantaron lume á fogueira e os axentes alertaron aos bombeiros do Morrazo, que estiveron a traballar na zona ata as once da mañá. Acudiron con dous camións de bombeiros, membros de Protección Civil e tamén empregaron unha tanqueta de Urbaser para a limpeza viaria. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e o concelleiro de Limpeza acudiron tamén ao lugar para seguir de preto os traballos para salvar parte dos materiais acumulados. Os veciños levaban ao redor dun mes depositando materiais para queimalos na noite de San Xoán, como madeiras ou mobles vellos.

A Policía Local confirma que o incendio foi intencionado. Afortunadamente, só ardeu a metade da almacenado, polo que a festa de mañá na noite de San Xoán está asegurada. Veciños de Moaña seguiron ao longo do día de hoxe levando materiais para que ardan mañá e seguir cumprindo cunha tradición que un acto vandálico non vai frustrar. Trátase dunha das máis concorridas da comarca, que estará amenizada coa actuación do grupo M80 desde as 22.30 horas.