Machi Salgado: «Fago seis personaxes femininos e masculinos con obxectos e prendas»

CANGAS

O actor estrea o venres na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas «O espírito de Vania», baseado en Chejov
01 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Machi Salgado (Barcelona, 1975) é un deses rostros que está en todas as pantallas sen acaparalas. O actor que participou en filmes como As bestas (Rodrigo Sorogoyen, 2022), Salta (Olga Sorio, 2023), La sombra de la Ley (Dani de la Torre 2017) ou A illa das Mentiras (Paula Cons, 2019), e en series como El caso Asunta, Fariña, Néboa, Amar en Tiempos Revueltos, El ministerio del tiempo, Serramoura ou Pazo de Familia,
tamén é un habitual dos escenarios teatrais. A súa última proposta é sorprendente e arriscada. Estreará o venres 4 de xullo, ás 20.00 horas, na 42º Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, a obra O espírito de Vania. Trátase dunha aposta persoal ao redor da obra do dramaturgo ruso Antón Chejov no que encarnará seis personaxes acompañado da música en directo de Rubén Abad. O espectáculo é un proxecto propio no que Salgado, ademais da interpretación, asume a produción.
—Seis personaxes nada menos. Víuse arriba cando o decidiu...
—A verdade que si. É a crisis dos 50, e tamén é a profesión. Nun dos cursos que fixen traballei sobre o texto de Tío Vania e conectei moito con el, cousa que non me pasara antes. Logo fixen o monólogo final de Sonia. Quédanme moitas cousas por facer, pero unha delas é facer un unipersonal, e era o momento porque non estou con nada máis nin en teatro nin en cine ou televisión neste intre. Deuse a ocasión, contando con Carlos Osorio, simplemente os dous, el dirixindo e facendo a luz, e logo, falando con outras dúas produtoras, animáronse a coproducir e puidemos meter un músico en escena, Rubén Abad.
—Como fai seis personaxes sen acabar tolo?
—Os personaxes máis importantes son o tío Vania, a súa sobriña Sonia; o seu cuñado, o profesor Alexandre; dous vellos; unha criada que se chama Marinha, que tamén é maior; e a segunda muller do profesor, Helena, da que supostamente están todos namorados. Entón, fago personaxes femininos e masculinos que encarno mediante obxectos ou con algunha prenda. Por exemplo, o de Sonia, que soporta a casa, que está a traballar todo o día, é un pano de cociña. Os cambios os fago tamén pola voz, un pouco polo físico, e tamén por un obxecto, e despois, cada un ten asignado a sua silla, o seu lugar. Así vanse recoñecendo, espero (risas).
—Tamén é un xogo para o espectador?
—Si. Desde que empeza a obra, como son eu acompañado de Rubén, imos facendo xuntos unha viaxe, pasando dun personaxe a outro e evitando cada un dos seus conflitos. Espero que se perciban. Verémolo este venres.
—O de facer todos os personaxes tamén é un bo método de aforro.
— Claro, cantos máis monólogos haxa nun momento determinado, é un indicador do estado crítico do sector. E creo que estamos nun deses agora mesmo.
—Ao mellor os clásicos non están tan presentes na nosa vida como se pensa, non?
—Os clásicos son clásicos por algo, e é porque nos seguen dicindo cousas perfectamente adaptables á nosa época. A min chámame a atención isto, o mundo ruso, que parecido é ao galego, non? Por exemplo, nesta obra, falase de alcoholismo, fálase da deforestación e o coidado da natureza, fálase dos temas das relacións humanas que sempre van estar aí. Pero esta problemática da natureza, a collo un pouquiño máis alá e a traio aos nosos montes, ao maltrato que se está facendo á natureza, cos incendios, coas pasteiras... E si, hai tamén satisfacción humana, están todos a facer cousas que non queren facer, estancados nunha insatisfacción. Eso pasaba antes e nos pasa hoxe.
—Levou o premio ao mellor actor protagonista por «Feo» en 2015 e por «Idiota» en 2020. Estará farto de bromas con isto.
—Si, pero é simpático. Os colegas se esmendrellan da risa.