Problemas de conexión persisten no sur da provincia de Pontevedra

Monica Torres
Mónica Torres A GUARDA

A GUARDA

cedida

Tomiño, A Guarda, O Rosal e Oia aínda afrontan fallos técnicos. Hai xestións manuais na vila da desembocadura do Miño, vixilancia reforzada e cobertura inestable

29 abr 2025 . Actualizado á 14:04 h.

O único municipio do sur da provincia onde se rexistraron incidentes de vandalismo durante o grande apagamento foi A Guarda. O alcalde, Roberto Carrerou, detallou que «ás doce e media prenderon lume nun colector da rúa Travesía Candeira e, tres horas despois, a outros catro nas rúas da Cal e Barrio Pirum». O rexedor pediu paciencia aos veciños, xa que os servidores municipais seguiron inoperativos: «estamos a traballar con bolígrafo e papel, sen poder facer ningún trámite, así que aos veciños que acoden tómaselles nota para que vingan mañá». Finalmente o servizo retomouse con normalidade á unha da tarde.

No Rosal, onde as comunicacións tamén quedaron gravemente afectadas, a alcaldesa Ánxela Fernández indicou que contaron con algo de conexión de Movistar entre a medianoite e as cinco da tarde. «Pero foi unha noite tranquila», explicou. Desde esa hora ata as 6.50 da mañá non houbo servizo con ningunha compaña. Aínda persisten fallos, do mesmo xeito que en Tomiño, e nalgunhas zonas de Moaña. A rexedora sinalou que, co apoio da Garda Civil e a traballadora social, visitaron os veciños susceptibles de necesitar asistencia.

En Tomiño, o Concello agradeceu publicamente a «rápida e eficaz actuación da Policía Local, Protección Civil e Guardia Civil durante o apagón ocorrido onte». Grazas á súa coordinación e compromiso, «a xornada transcorreu con relativa normalidade e sen incidencias graves que lamentar, malia as circunstancias adversas». Aínda que a situación se estabilizou, persisten problemas na rede telefónica e internet municipal, polo que as urxencias deben comunicarse directamente coa Policía Local, que xa restableceu os seus sistemas.

Tamén en Oia, a alcaldesa Cristina Correa indicou que, na parroquia de Viladesuso, aínda hai vivendas sen subministración eléctrica cando se cumpre un día enteiro desde o inicio do apagamento.