A gañadora de 100.000 euros do Rasca: «Aquí sigo, traballando na cafetería»

alejandro martínez VIGO / LA VOZ

A CAÑIZA

cedida

Andrea, da Cañiza, destinará o premio para pagar a entrada dunha vivenda

31 ago 2025 . Actualizado á 21:56 h.

A sorte chegou en forma de boleto e atopou a Andrea detrás da barra. Esta camareira de 31 anos que traballa na cafetería panadería Pirucho, na Cañiza, acaba de gañar 100.000 euros cun Rasca e Gana Platinum da ONCE, un dos premios grandes desta modalidade. Pero, lonxe de tirar o mandil, continuou traballando como sempre. «Isto foi o luns», conta Andrea, aínda incrédula. «Normalmente o vendedor pasa polo bar onde traballo e xogo algún rasca. Ese día collín un e… tocoume».

A noticia confirmoulla nese mesmo momento Alexandre, o vendedor da ONCE, cun abrazo incluído: «Díxome: “Acáboche de dar 100.000 euros” e eu respondín “vale”. El abrazoume e soltoume: “Esperta!”».

O diñeiro xa ten destino: «Será para a entrada dunha casiña, porque non dá para moito. Facenda xa me quitou o 20% tan pronto o ingresei. Ao final foron 88.000 euros… e víñanme de luxo eses 12.000 que quedaron polo camiño».

O boleto premiado vendeuno Alexandre, que cobre rutas na Cañiza e Covelo. «De momento é o premio máis grande que dei», asegura. «O último, de mil euros, deino o día 15 deste mes, tamén na Cañiza. Pero este é o importante e alégrome de que quedase no pobo».

Natural de Cerquido, en Budiño, Alexandre celebra que a sorte quedase preto: «Xusto cando llo dei, a máquina marcou incidencia. Ela quedou que non llo cría e tívenlle que dar un abrazo. Ademais, era o último boleto que me quedaba dese libro. Alegreime tanto coma se me tocaría a min».

Andrea, mentres tanto, segue asimilando o golpe de fortuna entre cafés, pan e pasteis: «A verdade é que foi como… “ah, vale”. Quedei en shock. A día de hoxe, aínda non mo creo. Pero, mira, aquí sigo traballando», afirma esta veciña da Cañiza de 31 anos a quen a sorte lle sorprendeu cun bo tanto que lle servirá para pagar a entrada da súa futura vivenda.