Cubertas de libros: «A perfecta é a que non podes deixar de mirar»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

Husein na exposición «Un país ilustrado», no Museo Marco, con cubertas da editorial Galaxia
Husein na exposición «Un país ilustrado», no Museo Marco, con cubertas da editorial Galaxia M.MORALEJO

A profundidade da trama reflíctese nas ilustracións de Hayat Husein, creadora que deseña centos de volumes ao ano en Galaxia e que coordina a mostra «Un país ilustrado», no Marco ata o 17 maio

21 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

As súas obras están, con toda seguridade, na maioría das casas galegas. Botar un ollo á libraría buscando exemplares de Galaxia é atoparse coas creacións de Hayat Husein Arteaga (Chimbote, Perú, 1976). A deseñadora é autora das cubertas dos libros da editorial dende hai 15 anos, unha tarefa que antes desempeñaron Xohán Ledo, Francisco Mantecón e Manuel Janeiro. As obras dos catro conforman a exposición Un país ilustrado que Husein coordinou baixo a dirección do comisario da mostra, Xurxo Martínez González, e que se pode visitar no museo Marco ata o 17 de maio.

Os libros son, na súa forma física, obxectos que acompañan, viaxan, dormen e habitan co lector. As cubertas crean imaxinarios, referencian historias e fixan recordos das tramas que cada quen acumula. Por iso reducir a cuberta a un elemento estético supón unha inxustiza co autor da ilustración e coa industria editorial. «A cuberta é boa cando hai coherencia entre a imaxe e o texto literario. Son portas que invitan a abrilas para entrar na historia», defende. Os autores en ocasións propoñen ideas, outras opinan, as menos das veces non din nada, pero sempre se lles escoita. O que non significa que decidan. A última cuberta e a última palabra son do editor, Marcos Calveiro, e do director, Xosé Manuel Soutullo.

O labor é complexo e implica moitos bosquexos ata que se dá coa versión final. «O traballo empeza coa reseña da historia e veñen logo moitas conversas co editor e o autor. É un diálogo constante», explica. As negociacións son constantes tamén coa imprenta. Hayat Husein encárgase da portada e da contraportada, tamén do lombo do libro, o grande esquecido polo lector, aínda que acabe sendo o máis presente no día a día. «Claro que hai modas, pero Galaxia ten unha imaxe gráfica coñecida. Buscamos que emocione pero tamén que sexa atemporal». Diferenciarse na libraría é, nestes tempos de edición inxente, imprescindible.

Dúas portadas de libros moi significativas para ela
Dúas portadas de libros moi significativas para ela

Se unha imaxe vale máis que mil palabras, moito máis no caso das cubertas. Husein deseña unhas duascentas ao ano. «A perfecta é a que non podes deixar de mirar. Esa que ten detalles ocultos...». Escolle Senlleiras (Antía Yáñez), pola profundidade da imaxe, e O lanzador de coitelos (Fernando Castro Paredes) como referencia do seu labor. «Nestes quince anos si que algunhas as redeseñaría pero a todas lles colles cariño. Con O Lanzador de Coitelos foi un reto atopar a imaxe, o autor deunos bastante liberdade e cando chegamos a esa cuberta xa o tivemos claro», detalla. Ademais do deseño das portadas de novos libros, prepara, xunto co comisario da mostra, un catálogo sobre os libros que non aparecen na exposición pero que poderían estar. As Cubertas que non foron nesta mostra tamén definen a esencia de Galaxia que ten posto nas librarías máis de 3.000 títulos dende o ano 1950. 

«Sempre lles dou a volta»

Nun mundo que adora e condena a partes iguais o aspecto exterior e que, xa dende os textos bíblicos, invita a non deixarse guiar por el, o labor desta creadora é precisamente o contrario: atraer e fascinar como primeiro paso da experiencia lectora. «Eu escollo os libros pola cuberta, pero tamén é verdade que sempre lles dou a volta». Ás veces a portada vai máis alá do ilustrador, como ocorre con algúns textos da historia da literatura. Entre as curiosidades da mostra de Galaxia no Museo Marco atópase a incógnita de quen deseñou a portada do primeiro libro editado polo proxecto vital de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla. Ese libro é Antífona da cantiga que tamén figura na exposición.

En Perú. A imaxe corresponde a súa infancia. A súa avoa animouna a facer esta foto vestida coa roupa tradicional do seu país. O que bota de menos en Vigo é o ceviche.
En Perú. A imaxe corresponde a súa infancia. A súa avoa animouna a facer esta foto vestida coa roupa tradicional do seu país. O que bota de menos en Vigo é o ceviche.

Esta autora de nome e pai xordano e nai peruana vive en España dende que ten 9 anos, primeiro en Madrid e logo, na vida adulta, en Vigo. «Vivín en varias cidades de España pero cando cheguei a Vigo quedei namorada. Vivir o verán en Vigo é estar no paraíso. Agora que o inverno é outra cousa», di con sorna. Confesa que fala o galego froito de escoitar a outros. «Ao principio dábame vergoña trabucarme, pero un día un compañeiro díxome: ‘Se non sabes a palabra en galego, podes dicila en castelán’». Así o fai, cunha determinación propia dos lingüistas ou dos ideólogos que crearon o proxecto editorial.

A súa primeira encarga dentro de Galaxia foi crear unha exposición sobre a historia do ciclismo en Galicia. Logo recalou na edición do libro de texto «aí fixen un máster», confesa. Agora compaxina o deseño das portadas coas propostas sobre outros parámetros dos libros como o tamaño, o formato ou o tipo de papel. «Somos como o sector da moda, traballamos anticipándonos meses aos lanzamentos á rúa e á libraría». Traballar en Galaxia non so é seguir os ritmos da industria cultural, é facelo dándolle ao galego unha dimensión e un valor universal, no fondo e na forma.

Su canción favorita

«Cariñito», de Novedades Carmiña. «A versión orixinal deste tema, que pertence a Los hijos del sol que o lanzou no final dos anos 70, é case un himno nacional en Perú e Latinoamérica. Cando Novedades Carmiña fixo esta versión recordoume ó meu país. Pensei: parece que a fixeron para min. Conéctame coa orixe».