O tenista vigués pecha o 2025 cos títulos de dobres de Wimbledon e o Másters, como número 4 do mundo e co obxectivo de achegarse ao número 1
29 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Martín de la Puente (Vigo, 1999) vén de asinar un dos seus mellores anos, especialmente, na modalidade de dobres, onde se proclamou campión de Wimbledon e do Másters en China formando parella co neerlandés Ruben Spaargaren, aínda que a vindeira tempada será o francés Stéphane Houdet o seu acompañante. A nivel individual, o tenista en cadeira de rodas vigués acabou como número 4 do mundo e un dos seus obxectivos para o vindeiro ano é achegarse a os dous primeiros. Para conseguilo, conta ca colaboración de Roberto Rodríguez, do Club de Campo de Vigo, que se incorpora ao seu equipo de traballo, e non descarta montar a súa base na súa cidade.
—Que balance fai do ano 2025?
—Foi un ano moi bo para min; a nivel deportivo, foi un dos meus mellores. Estou moi contento con como despois dun ano olímpico no que se sempre se espera un pequeno baixón, fosemos quen de manter o nivel e tanto en individuais como en dobres, síntome moi competitivo cos xogadores do top-2. Pouco a pouco, estamos intentando achegarnos ao nivel que o número 1 e 2 do mundo propón.
—Que significa rematar como número 4 do mundo?
—É duro manterse tanto anos no top, hai moita xente que che quere quitar o posto. Estou loitando con Gustavo Fernández (con quen compartiu dobres ata a tempada pasada), cambiando as posicións no número 3. Estamos preto dos mellores, que é o que queremos.
—O máis destacado do ano estivo en dobres?
—Foi un ano perfecto. Fixemos unha boa dupla, traballamos moi ben e o título de Wimbledon e o Másters foron o mellor da temporada. Creo que hai que seguir nesta boa dinámica. Intento ser competitivo tanto en individuais como en dobres, pero a competición hoxe en día é moi intensa, con moitos días e partidos.
—Vai continuar con Ruben Spaargaren como parella de dobres para o vindeiro ano?
—En principio, non. Vou cambiar de parella e vou xogar co francés Stéphane Houdet, que é unha lenda vivinte do tenis en cadeira de rodas e creo que podemos facer unha boa dupla. Imos probar este ano e a ver como nos vai.
—A nivel individual, cal foi o triunfo que lle fixo máis ilusión?
—O Torneo de Royan ou o de Cerdeña, que gañei tres veces seguidas, pero o dobres é máis especial aínda, porque gañar Wimbledon e o Másters non se pode comparar ao resto. Estou contento co meu ano individual, pero o dobres foi o que máis alegrías me deu este ano.
—Cal vai ser a primeira cita do ano 2026?
—Teño catro torneos en Australia no mes de xaneiro e imos para alá o día 5, ata o 31.
—Como ten planificada a tempada?
—Estamos pendentes de que saia todo o calendario, porque faltan por confirmar algúns torneos e estamos vendo, pero está organizada máis ou menos, coas ganas e a ilusión a punto. As xiras están definidas.
—Ao longo de todo o ano, canto tempo estima que está fóra da casa?
—Xogamos entre 22 e 24 torneos ao ano, sobre uns 250 días fóra da casa ao ano.
—Ás veces non bota de menos un pouco máis de tranquilidade?
—Si, pero son consciente de que a vida de deportista ten moitos sacrificios. Eu teño a sorte de facer o que me gusta, pero sei que isto ten unha data de caducidade e estou tratando de desfrutar dos torneos, do que estou vivindo. Nunca imaxinei que ía viaxar tanto coas raquetas ao lombo para xogar.
—Está no seu mellor momento?
—É difícil dicir cal é o mellor momento de cada un. Foi unha das miñas mellores tempadas, estou contento con me nivel e sinto que estou aí, cos mellores do mundo, pero son dos que pensan que o mellor está por vir. Hai que seguir traballando e esforzándose para darse a un mesmo as oportunidades para estar onde queremos estar.
—Como ve a evolución do tenis en cadeira?
—Creo que cada vez ten máis presenza na sociedade. A xente vai coñecendo cada vez máis o que é o deporte paralímpico, temos más espazo na televisión, nos medios. E que a xente vexa que aínda que teña un impedimento, pódense facer cousas na vida e ser deportista profesional.
«Encantaríame ter a miña base en Vigo, pero as conexións aéreas están moi limitadas»
Martín de la Puente está en Vigo. Non só para pasar as vacacións de Nadal cos seus, senón tamén para facer parte da pretempada nas instalacións do Club de Campo ás ordes de Roberto Rodríguez. Non esconde o número catro do mundo que lle gustaría que a súa cidade fose a súa base de operacións.
—Fixo algún cambio a nivel de traballo?
—Agora estou adestrando un pouco en Vigo, estou facendo a pretempada no Club de Campo, con Roberto Rodríguez, que me está axudando a preparar a próxima tempada e aproveito para estar coa familia e cos amigos, o que me vén ben para sacar a cabeza do tenis, porque o ano foi moi intenso.
—É a primeira vez que traballa ás ordes de Roberto Rodríguez?
—Sempre tivemos unha relación cercana e foi en Nadal cando lle dixen se podía botar unha man.
—Valora a posibilidade de establecer Vigo como a súa base e dende aquí moverse polos torneos do mundo?
—Estamos pensándoo. Encantaríame ter a base en Vigo, pero as conexións aéreas están moi limitadas e a verdade é que o centro de alto rendemento en Barcelona sempre me abriu as portas e estou contento alí. Segundo como vaia a tempada, tomaremos máis conciencia do que é máis conveniente para a miña carreira deportiva e decidiremos.