O Teis completa o círculo

X.R.C. VIGO

VIGO

CEDIDA

O histórico club ciclista engade á súa estrutura un equipo de categoría elite-sub 23 co obxectivo de que os seus canteiráns poidan pasar toda a súa vida deportiva na entidade

28 dic 2025 . Actualizado á 16:37 h.

Un club para todo a vida, onde os nenos poidan crecer desde as categorías máis baixas ata a elite. Ese é o obxectivo do Club Ciclista Teis, un clásico da bicicleta en Vigo, que no 2025 que está a piques de finalizar recuperou á súa formación júnior e que no 2026 competirá por primeira vez cun equipo elite e sub-23 que afrontará a Copa de España e o calendario portugués, entre outros.

«Esta aposta pretende dar continuidade ás categorías inferiores. O Club Ciclista Teis é un club que se caracteriza pola base, pola escola de ciclismo, pola formación, e ao chegar a unha idade júnior ou cadete, os rapaces tiñan que marchar a outro sitio, separando os grupos e os amigos. O que buscamos é que os rapaces permanezan nos seus clubs de toda a vida, que os novos teñan un espello no que mirarse», comenta Kike Vaz, o presidente do club. A ambiciosa aposta implica un esforzo moi grande a nivel económico e loxístico. «Estamos falando de facer o calendario español e o calendario portugués, que aí as esixencias son moi duras e os rapaces teñen que levar uns medios axeitados».

Esta aposta ten a súa plasmación na promoción interna en Quique Pérez, un canteirán que acaba de finalizar a súa etapa júnior e que pasa a engrosar o persoal do primeiro equipo conxuntamente con todas as fichaxes realizadas. Todos eles teñen «garantizada a presenza nas mellores carreiras dun día do calendario nacional». «E iremos ás voltas clásicas como Zamora, Castela-León, Salamanca e Volta a Galicia e logo a Portugal», ademais do calendario portugués, onde está previsto o debut, o 8 de febreiro en Viana do Castelo, no Premio Apertura.

O obxectivo, aprender

O obxectivo para este primeiro ano nunha categoría que é antesala do profesionalismo é aprender. «Temos un equipo moi novo, de rapaces entre 18 e 20 anos. O primeiro que teñen que facer é coñecer a categoría, o ritmo de competición, a esixencia en quilometraxe, a velocidade nas subidas... Teñen que adaptarse a iso e, despois, chegar o máis lonxe posible. Este ano é para aprender, coñecer a categoría, aprender a meter os cóbados e a sufrir. Xa non estamos en escolas», comenta o presidente.

A formación júnior, pola súa banda, debe ser a ponte entre a base e a elite. Tamén se trata dun elenco moi mozo, pero ao que lle ven moito futuro. «É equipo que se reforzou moi ben con xente que viñamos seguindo dende cadetes. Temos nove júniors dos que seis son de primeiro ano. Xente moi nova que debuta. Temos un equipo júnior compensando e con moito potencial. Queremos que sexa o eslabón que vai dende as escolas ata o sub-23. Queremos que nos dea ese equilibrio entre as escolas e a esixencia coa competición». O calendario autonómico, ademais do portugués e o doutras comunidades, será o seu ámbito de actuación.

Na oferta do CC Teis non falta o equipo feminino, ademais, cunha connotación moi especial, segundo explica Vaz: «Temos un grupo de nenas que levan toda a vida no club, que tiveron ofertas para marchar a outros clubs con máis pedigri que nós e que apostaron por seguir aquí. Para nós é unha categoría á que lle temos moito cariño e moita estima e queremos que medren con nós. Elas confiaron en nós e non lles queremos fallar».

Con 50 licenzas en vigor e con tanta faena por diante, o club necesita o apoio das administracións e do tecido empresarial e acaban de establecer unha alianza con High Level-Gsport, un patrocinador que achega principalmente rodas, ademais dunha achega económica. Un 2026 ilusionante e cheo de retos para un histórico.