A porteira do Bembrive resta importancia ás súas 16 paradas ante o Valdetires
18 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os números din que a porteira Patri Arruti foi a heroína do triunfo do Bembrive sobre o Valdetires o domingo, pero as súas sensacións son outras. «Véxoo algo distinto. Elas tiveron bastantes ocasións, pero nós dominamos e xeramos moito máis. Así que nou funme tanto con esa sensación», di a autora de 16 paradas nese encontro. «Ademais, é o meu traballo, igual que o das miñas compañeiras é defender ben ou meter goles, . É o que teño que facer e estou contenta de axudar ao meu equipo», afirma.
Saíu do encontro «sabendo que había feito paradas e tal», conta con naturalidade, pero sen a idea de ser tan decisiva. «Xeramos moito máis na primeira parte, e na segundo, tamén tivemos ocasións. En todo momento pensei que iamos acabar metendo, que nos está custando. Había que aguantar o resultado para que non se achegasen», sinala sobre un derbi que rematou 4-2. Foise, iso si, «contenta en xeral co equipo» e coa súa propia actuación.
En canto á súa visión global da tempada, Arruti queda con que só picaron cos equipos de arriba, «partidos que é normal perder». «Estamos a facer un final de primeira volta moi serio. Non podiamos deixar escapar puntos con equipo de media táboa para acadar ese play-off», comenta sobre as posicións ás que acaban de retornar. «A nivel de xogo, está a custarnos un pouquiño máis, tamén porque temos moita xente nova, incluída eu, e hai que coñecerse», expón.
Á falta de dous partidos para finalizar a primeira volta, está satisfeita con este regreso aos postos onde están chamadas a permanecer. «Estamos arriba outra vez e hai que manterse, que non é doado. É normal ir variando posicións ao longo da liga, e máis este ano, no que se igualou un pouco o nivel tamén por arriba», analiza. Atribúeo a descensos de equipos potentes como Marín, Telde ou Cortegada, con presupostos importantes e feitos para subir.
Este incremento de nivel non lles pillou por sorpresa. «É algo que falaramos. No verán decátaste de que fichaxes están a facer os rivais e hai habido unha aposta xeneralizada por mellorar os persoais», debulla. E a eses equipos que teñen case a esixencia de ascender súmanse «outros que van collendo máis experiencia e confianza na categoría», o que lles vai convertendo en cada vez máis perigosos; é un grupo no que destaca ao Vilalba.
Pola súa banda, o obxectivo marcado é «competirlles a todos, desde o primeiro ao último». Nese sentido, comenta que «ás veces parece que non podes perder cos de abaixo, e son equipos que tamén custan moito». Arruti, no entanto, considera que teñen equipo para plantar cara a todo rival. «A nosa meta é meternos no play-off. Dicir outra cousa é pecar de humildade. Pero que teñamos equipo para iso non significa que vaia ser doado. Hai outros cinco ou seis con persoal para conseguilo», opina.
Ela é unha das novas incorporacións, aínda que viviu unha etapa anterior no club e tiña relación con varias compañeiras, o que facilitou todo. «Coñecía fóra do fútbol a moitas xogadoras. Unha das miñas mellores amigas é a capitá, María. A adaptación foi sinxela», asegura. Si costa algo máis, admite, «coñecer ás compañeiras dentro do campo: que gústalles, que non, onde dar os pases... Creo que por iso custounos un pouco máis ao principio e vaise vendo que estamos a coller ritmo agora, ao final da primeira volta», analiza.
Psicóloga opositando
A súa elección do Bembrive viño dada por estar a compatibilizar deporte e a preparación de oposicións de orientación en centros escolares, xa que estudou Psicoloxía. «Era un equipo que me permitía seguir xogando cun nivel de esixencia alto e compaxinar con intentar sacar as oposicións», afirma. Di que se fai duro compatibilizar ambas as cousas, pero o fútbol sala sérvelle de desconexión. «Grazas a iso, levo mellor as oposicións», valora.
A súa formación axúdalle, sinala, a xestionarse a si mesma. Nótao en canto ao control dos nervios, pero tamén intenta ser «comunicativa con todo o mundo no campo». «Habería que preguntar ás compañeiras se o notan. Creo que hai días que pensarán: ‘Pero esta moza estudou Psicoloxía?'», conta divertida esta xogadora nada en Poio pero que sente de Vigo, pois foi onde creceu. Tamén trata de achegar grazas á súa experiencia previa na máxima categoría. «Pódese notar en determinados partidos, coa tensión de xogarse cousas, pero este equipo leva dous anos en play-off e tamén están bastante acostumadas. Intento achegar, pero tamén me achegan a min unha chea», aclara.