A deportista gondomareña anunciou xunto á produtora este proxecto que verá a luz no 2026 e que se titulará «Ganas de vivir»
29 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.A historia de superación da atleta paralímpica gondomareña Desirée Vila (1998) será abordada nun documental dirixido por Juan Manuel Montilla, O Langui, que se estreará nesta faceta con este proxecto titulado Ganas de vivir. A propia deportista anunciou a través da súa conta de Instagram este proxecto xunto coa produtora responsable, Morena Films, que a recoñece como «unha das voces máis influentes en favor da igualdade e a inclusión».
A longametraxe, que verá a luz no 2026, preséntase como «un documental que conta a historia de superación da deportista paralímpica Desirée Vila». Explican que suporá «unha oportunidade para coñecer máis de preto a todo un referente do deporte adaptado». Vila perdeu a perna dereita aos 16 anos con consecuencia dunha neglixencia médica tras unha lesión mentres practicaba ximnasia acrobática. «Renderse non foi unha opción: Desirée atopou no atletismo unha nova paixón e en tan só un ano proclamouse campioa de España en 100 metros e en salto de lonxitude», lembran.
Vila mostrouse «moi feliz» de poder compartir cos seus seguidores que se atopa inmersa neste documental sobre a súa vida. «Vai ser unha pasada. Estou a desexar que o poidades ver» explicando que este é o motivo de que estivese menos presente do habitual en redes sociais. «Estivemos traballando moito, currándonoslo para que sexa o máis bonito posible e creo que vos vai a molar mogollón», sinala.
As ganas de vivir de Vila, que dan título a esta película, convertéronse na súa lema e, de feito, o libro que publicou no 2018 chámase O único incurable son as ganas de vivir. Máis aló dos seus logros como deportista, participando xa en dúas citas paralímpicas, a galega converteuse nunha referencia polo seu xeito de abordar a discapacidade, dun xeito natural e abordando as dificultades ás que se enfrontou e como as encarou.
Graduada en Relacións Internacionais, é imaxe de multitude de marcas, ten entre as súas actividades impartir charlas motivacionais e tamén é membro do padroado da Fundación Celta. Actualmente, é unha das participantes do concurso de Televisión Española Top Chef, doces e famosos.