 
	
											O Concello eleva un 7% o presuposto de cultura para chegar aos 19,8 millóns
29 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.«Esta cidade vive con entusiasmo a cultura; é unha fábrica de cultura e somos grandes consumidores de cultura», declarou Abel Caballero para anunciar o aumento dun 7% no diñeiro destinado á área de cultura nos presupostos do próximo ano. O alcalde de Vigo explicou que a partida ascende a 19,8 millóns de euros, 1.3 millóns máis respecto ao exercicio do presente ano.
O rexedor vigués anunciou que o exercicio económico do ano próximo incluirá unha partida de 175.000 euros para a realización dunha «exposición inmersiva sobre Julio Verne», coa que a cidade seguirá profundando na súa relación co escritdor de 20.000 leguas de viaxe submarina. Ademais, haberá un proxecto artístico no barrio do Rocío dotado con 108.000 euros. Abel Caballero engadiu que o Concello implementará un programa cultural polos barrios e parroquias de Vigo dotado con 230.000 euros.
Ademais de distintas intervencións estruturais en varios museos e centros expositivos, o presuposto destinará 233.000 euros ás bandas de música e 205.000 ás corais, ademais de abrir unha nova liña de subvencións culturais de 80.000 euros destinada a entidades que organicen eventos e actividades na cidade.
Todos os centros da rede museística recibirán diñeiro para intervencións estruturais de diferente índole.