 
	
											«Interaccións» pódese ver ata o 18 de xaneiro
27 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Fundación Laxeiro mostra ata o 18 de xaneiro En Interaccións. Espazo corpo e obxecto, a terceira entrega do ciclo que, co título xenérico Un berro por Belas Artes, programa anualmente en colaboración coa Universidade de Vigo, no que participa alumnado, graduados e profesorado con vinculación pasada ou presente coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Neste proxecto, a comisaria Basilisa Fiestras propón unha mirada á escultura contemporánea, na que os e as artistas participantes invitan o público a transitar a escultura superando a mera observación e establecendo así novas relacións entre o visitante e as obras.
Os artistas participantes nesta exposición son Manuel Balsas, Román Corbato, Miguel Benjumea, Suso Fandiño, Isis Huerga e María Roja. Todos eles propoñen unha vía alternativa á contemplación da obra. Ningún chega a incitar ao espectador cun «pasen, xoguen, gocen». A escultura todos eles enténdena como un acontecemento.